¿Promociona?

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

OURENSE

16 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Cada un escoita o que lle peta. Hai música para tantos gustos como area na praia de Razo. E cada un co seu. Eu, se algo non me gusta, pois non o escoito e listo. Arrepíame o reguetón, máis pola letra que polo ritmo; e os vídeos paréceme que nalgúns casos deberían levar rombos. E non me gusta o neo-folk. Así que tampouco o escoito. Aínda que leven letras de Rosalía. Cada un cos seus gustos, xa se sabe. Eu respecto a liberdade creativa. Paréceme máis que loable que un grupo trate de escapar dos estándares do establecido para ofrecer algo distinto. Ole por eles. Outra cousa será despois o éxito ou o fracaso, pero iso xa é outro conto. Por iso hai quen entende a liberdade creativa como vender un vídeo de impulso á candidatura de Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade, e enche as imaxes de homes cos ollos pintados e roupaxes raras (que nada teñen que ver co que é o territorio) e mestúraos cun coitadiño que marcha (¿Pero non buscamos que a xente veña?). Liberdade creativa, respecto total. E xa cara o final, mete a calzador a viticultura heroica, cando entran os créditos. E empezan a saír os logos de diferentes administracións, empezando pola local e chegando á autonómica, pasando pola provincial, porque apoiaron (o que normalmente vén sendo poñer cartos) o proxecto. Entendo que as administracións, por suposto, teñen que apostar pola liberdade creativa. O que non teño tan claro é que teñan que apoiar con cartos públicos algo que me custa crer que sexa unha propaganda positiva para a Ribeira Sacra. Cos feitiños que son os vídeos de Dáme Galicia, mostrando a terra chea de vida e invitando a vir... non a marchar.