«A emigración é a gran epopea galega»

O museo do Pazo de Vilamarín non abordará a perspectiva actual do fenómeno


ourense / la voz

Fillo de berciana e lucense (de Quiroga), Manoel Carrete Rivera naceu en Barcelona. Licenciado en Historia e Dereito, foi a persoa elixida por José Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, para converterse no seu novo «asesor de Emigración».

-O principal obxectivo do cargo é a posta en marcha do Museo Galego da Emigración. ¿Que plans ten?

-Os prazos dependerán da recolleita da información que podemos musealizar. Podemos ter moitos documentos, pero fannos faltan tamén outras cousas. A intención do museo é que sexa didáctico, que poidan ir os colexios a ver o que significou a emigración para Galicia, como por exemplo escoitar o Himno galego de 1907 da Habana ou ver un exemplar da primeira edición do Sempre en Galiza de Castelao.

-¿De que fontes pensa obter esa documentación?

-Dos propios fondos da Deputación, das colectividades galegas que queiran doar algo e da xente... Eu sempre digo que é importante todo. Calquera pode ter, por exemplo, fotografías antigas. Eu quero que sexa o museo da xente, sen importar quen eran ou os seus traballos... Eu poño o exemplo de que meu pai, que foi taxista en Barcelona, porque había xente que preguntaba: «Teu pai, ¿será alguén, non?» [Risas]

-¿Por que preguntaban iso?

-Porque había comentarios cando se convocou a praza e eu dixen que son catalán de sentimento galego, meu pai é galego, eu falo galego sempre... Será porque todos os meus estudos foron encamiñados á emigración: máis de sete publicacións, máis de once cabeceiras de revistas, máis de dez anos nunha radio en lingua galega...

-O museo estará no Pazo de Vilamarín, ¿convivirá cos fondos da Fundación Quessada que agora están alí depositados?

-Non, en principio non van convivir porque o pazo vai ser destinado integramente ao Museo da Emigración Galega.

-¿Trasladaranse entón?

-Si, o Pazo vai quedar para o museo, pero non sei onde. Non me corresponde a min dicilo.

-¿Por que é necesario un museo sobre a emigración?

-Porque é a gran epopea galega. Galicia como tal non ten grandes loitas conxuntas desde a revolta dos Irmandiños. Poderían ser as loitas de Vigo ou da Coruña contra as invasións, pero Lugo e Ourense non estaban nesas tampouco. O que afectou a toda a poboación de Galicia é a diáspora. ¿Quen non ten ou quen non tivo un familiar na diáspora? Iso é unha contribución ao país que tiveron… Eu sempre falo en termos históricos e o museo será en termos históricos. É unha cousa que foi pasado. Do tempo actual poden facer congresos, pero aí non estarei eu.

-Quen critica o museo di que a emigración é un drama inacabado, que aínda non se pechou.

-Iso son temas nos que eu non entrarei porque eu o que vou facer é falar da emigración que houbo dos avós, dos pais e que os nenos que van agora aos colexios teñan unha unidade didáctica na que saiban que o Himno de Galicia foi grazas a emigrantes. Os símbolos de identidade do país en moitos casos fixéronse fóra de Galicia e non é unha cousa de hoxe; é unha cousa de fai cen anos.

-¿Que fixemos mal os galegos para ter que seguir emigrando?

-Iso tampouco é a miña responsabilidade...

-Eu pregúntolle pola súa opinión persoal.

-O fenómeno migratorio é moi complexo. Non só de Galicia emigra a xente. Aquí nótase máis porque a pirámide poboacional está invertida e hai máis xente maior que xente nova. Se collemos o INE, ¿canta xente emigra tamén en Andalucía, ou en Cataluña? O momento histórico é distinto ao que se poderá observar no museo porque este é un movemento vivo de agora e iso téñeno que mirar a xente que se dedica á Antropoloxía ou as Ciencias Sociais. O que a min me toca é a emigración de antes.

¿Quen é? Licenciado en Historia e Dereito, ata hai pouco presidía o Centro Galego de Barcelona.

¿Que fai? Acaba de ser elixido por Baltar para ser o seu asesor en temas de emigración e pór en marcha un museo.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

«A emigración é a gran epopea galega»