Non

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

OURENSE

09 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Non fagamos das nenas recén nacidas un repolo rosa. Non fagamos dos nenos un alarde de azul. Non compremos só bonecas para elas. E coches para eles. Non eduquemos aos cativos con iso de que a nena axuda a mamá na cociña mentres o neno está con papá trasteando no garaxe. Non miremos raro á rapaza que xoga ao fútbol. Non soltemos a risa cando na clase de ballet entra un cativo. Non ensinemos aos adolescentes que cantas máis chavalas conquisten serán máis triunfadores. Non perpetremos a idea de que algunhas son unhas golfas precisamente por facer o mesmo. Non falemos de que hai ciclos formativos que son para homes, nin que hai ensinanzas para mulleres. Non contratemos a un candidato só por ser home fronte a unha aspirante igual de válida que está na idade na que se supón que vai ser nai. Non estigmaticemos ás mulleres que non teñen fillos, e que non queren telos. Non permitamos que se siga dicindo que un home «axuda na casa» sen recriminar a expresión de que axuda. Non fagamos que unha muller teña que elixir entre coidar aos fillos e ascender no traballo. Non lles paguemos menos polo mesmo traballo. Non fagamos todas esas cousas, e seguro que a igualdade estará moito máis preto que convocando clases de zumba, mesas redondas ou sesións de risoterapia. A loita non rematou. Falta un camiño longo, máis ás veces parece que nos perdemos en actos de cara á galería. Non preciso soltas de globos. Preciso ¡e reclamo! igualdade de oportunidades. Iso é o que fai falta cada 8 de marzo, e cada 9, e cada 10... E así todos os días do ano. Non sirve de nada que onte nos puxeran nun pedestal se hoxe nos devolven a unha realidade inxusta.