«A implicación dos profesores vai máis alá do profesional, é persoal»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE

MIGUEL VILLAR

A responsable da consellería en Ourense lembra que da mesma dependen máis de catro mil postos de traballo

05 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O ano 2016 pechouse co relevo na xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Logo dunha ampla traxectoria profesional no mundo do ensino, do patrimonio e da cultura, e tamén na representación política como senadora, Mercedes Gallego deixaba a delegación da rúa Concello. Para o relevo a Xunta optou por unha funcionaria con ampla experiencia en diferentes departamentos e consellerías, na súa maior parte en Educación. Luz Fernández Quintas tomaba posesión do seu cargo a finais de decembro. É licenciada en Dereito e dende os seus 50 anos, 26 deles dedicados ao traballo na administración pública galega, lembra o seu paso como alumna pola unitaria do Pereiro.

-Empezou a súa carreira profesional neste mesmo edificio?

-Como funcionaria si, aínda que antes de selo estiven no que era o SMAC -o Servizo de Mediación, Arbitraxe e Conciliación- aquí en Ourense e logo estiven na dirección xeral de Transportes en Compostela e de volta para a cidade. En maio cumprirei 27 anos vencellada á administración e o meu primeiro destino como funcionaria foi aquí, en Educación, en 1993.

-Procede da tradición das unitarias. Haberá peches no futuro próximo no rural?

-En principio non teño previsión ningunha ao respecto. Neste momento aínda imos empezar a escolarización e non sei se vai acontecer tal cousa. O que estamos é vendo as novidades en canto á admisión para adaptarnos ás novas esixencias da administración electrónica.

-En que consistirán?

-Estamos empezando a traballar coa aplicación e os centros xa fixeron unha pequena formación. Admisión alumnado chámase a nova ferramenta e con ela vaise adaptar o proceso aos servizos de administración electrónica. A aplicación vai poñer a disposición das familias e dos centros máis facilidades para facer os trámites, aínda que tamén se poderá seguir optando pola xestión presencial. Estará operativa xa para o próximo curso.

-Vostede traballou en recursos humanos nesta delegación. Canto persoal teñen na provincia?

-Só Educación conta cunhas catro mil persoas, entre Primaria, Secundaria, substitucións, o persoal laboral e a xente que traballa na delegación, que son servizos xerais. A iso hai que sumarlle Cultura.

-Desde a experiencia previa, como valora o traballo?

-Os profesores de Ourense desenvolven un gran traballo e teñen unha implicación que vai máis alá da profesional, case persoal, e están a facer cousas moi interesantes. Dende as accións no programa para xitanos ás propostas do entroido.

-Nos orzamentos da Xunta aparecía unha partida para a ampliación da Escola Oficial de Idiomas. É a obra más salientable?

-Proxectos dese tipo chaman máis a atención polo investimento ou por aparecer como unha consignación específica. Aínda que este foi un ano no que se fixeron moitas melloras en centros educativos de toda a provincia; estamos falando duns cinco millóns de euros.

-As novas probas de acceso á universidade e os deberes son os frontes abertos?

-Non o vexo así. No caso da nova reválida, ou como se acabe chamando, son probas ou procesos que xa veñen marcados por lei. No dos deberes entendo que se ten que buscar unha fórmula que permita conciliar e gozar da familia.

«A biblioteca estará en San Francisco a finais deste ano ou ao comezo do 2018»

A nova xefa territorial de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria conta cunha maior relación coa faceta educativa pola súa experiencia profesional. En materia de Cultura está a desenvolver, o mesmo que nos centros educativos, unha rolda de visitas e reunións para coñecer a situación, necesidades e demandas neste sector.

-Con que prazos traballan para o traslado da biblioteca a San Francisco?

-En principio contamos con que o servizo xa estea funcionando a finais deste ano, como moito a comezos do próximo, no seu novo emprazamento. As novas instalacións serán unha gran oportunidade para mellorar o servizo e as prestacións. A verdade é que falamos dunha demanda que se foi adiando no tempo: cando cheguei a esta delegación do 2005 lembro que me dixeron que a biblioteca íase para o ano seguinte.

-O Arquivo parece que vai tardar algo máis en subir.

-Si, aínda que é tamén unha necesidade. Na visita ás súas instalacións puiden comprobar a situación na que se atopa e a cantidade de iniciativas que se fan, como as visitas guiadas ou os traballos do Capitán Gardador.

-E no caso do Arqueolóxico avanzamos no proxecto?

-É unha actuación da que estamos pendentes e unha obra que se ven reivindicando dende hai moitos anos.

-O Parlamento de Galicia aprobou unha iniciativa para buscar unha sede para o Ateneo e barallouse este edificio como opción, logo do traslado da biblioteca. Podería ser a solución?

-Non teño coñecemento desa iniciativa, aínda que está claro que co traslado da biblioteca a San Francisco aquí vaise dispoñer de espazo para mellorar os servizos e, nun caso como ese, podería ser unha solución se así o acordan as partes.