Valle-Casares

Xosé M. Rodríguez ANACOS

OURENSE

18 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Terá 2017 dous protagonistas sobranceiros nas celebracións culturais galegas. Xa están a dar nome a unhas cantas iniciativas que se están a desenvolver polo país. A Valle-Inclán estano a reivindicar con forza dende Compostela, arrasados xa polo tempo os dereitos de autor e a lousa de non poder representalo en galego. O Centro Dramático Galego está a toda máquina preparando as primeiras montaxes teatrais sobre as súas obras e a pasada semana eran un bo fato de xentes da cultura de Compostela e do museo que leva o nome do escritor os que poñían en marcha un roteiro polos espazos da cidade que estiveron vencellados á súa vida.

O outro protagonista, Carlos Casares, era entre outras cousas un excelente conversador e un magnífico contador de historias. E seguro que lle tería tirado un gran partido a unha das da súa cidade que podería encaixar no xénero mellor coñecido do mestre do esperpento. Ou no maxín de Juan de la Cova, inventor do trampitán.

A cousa foi que houbo un tempo, alá polos anos en que se encetou o XXI, no que un grupo de ilustres ourensáns acordaron en fermosa harmonía perpetuar a memoria dun escritor e intelectual de proxección internacional; cidadán morto antes de lóxica idade e natural da xeografía na que os primeiros tiñan mando en praza. Sobranceira peza artística lle ían erguer para manter viva a súa memoria e acordanza entre as futuras xeracións, sendo ademais afamado o creador chamado a executar tal honra. Mais pasaron as quenturas e do dito nada houbo. Casares, que agarda pola homenaxe, disfrutaría contandoo ao modo de Valle.