En Marea prantexa quince medidas urxentes para a «rexeneración democrática»

La Voz OURENSE

OURENSE

antonio cortés

A recuperación da AP-9 ou unha comisión sobre o accidente de Angrois serán prioridades

17 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Os candidatos de En Marea pola provincia de Ourense presentaron no Centro Cultural José Ángel Valente, un documento con propostas en sectores que van dende os servizos sociais á cultura e da valorización do agro e a recuperación dos montes á propostas como a de reclamar o traspaso da AP-9 ou recuperar o hospital Álvaro Cunqueiro para a xestión pública. Un amplo programa de accións a desenvolver que os candidatos de En Marea acompañaron de quince medidas urxentes, serían para acometer nos primeiros meses dende un futuro goberno da Xunta alternativo ao actual de Feijoo, encamiñadas a promover unha «rexeneración democrática» e coa intención de «devolver Galicia aos galegos, recuperar o emprego, os servizos públicos, acabar cos desafiuzamentos e devolver ao público o carácter de servizo para a xente».

Alvia e suspender a Lomce

Ánxeles Cuña, David Rodríguez, Eva Gutiérrez, Ares Jiménez Soria e Xosé Manuel Pérez Bouza diron a coñecer as diferentes propostas de En Marea.

Entre as medidas urxentes, as quinces accións a desenvolver nos próximos meses, En Marea inclúe aspectos como a derogación do decreto do galego, a paralización da Lomce -logo de negociar coa comunidade educativa-, a creación dunha comisión de investigación do proceso de fusión das caixas de aforro galegas ou a apertura inmediata dunha comisión de investigación sobre o accidente do Alvia en Angrois rexistrado hai tres anos.

Instituto Galego de Igualdade

Tamén figuran nas propostas de carácter urxente de En Marea iniciativas como poñer fin aos desafiuzamentos e «garantir o acceso aos servizos de sanidade, educación e servizos sociais a toda persoa que viva en Galicia», reformar o sistema da Risga por non ter acadado os seus obxectivos, a creación dun Instituto Galego de Igualdade de Xénero ou a declaración de zona catastrófica para os montes afectados polos incendios, con indemnizacións aos propietarios e medidas para rexenerar estas superficies.

Outra das medidas prioritarias será emprazar a Fomento a que traspase as competencias da AP-9 á Xunta de Galicia.