A semente do futuro

Noela Blanco OLLADAS DESDE OURENSE

OURENSE

Botan de menos o aceite de oliva, unha determinada marca de cacao, saír de cañas cos amigos e incluso esas comidas familiares que noutrora lles parecían un viacrucis. Búscanse en Berlín, Londres, ou Boston, e cando se atopan forman pequenas colonias nas que poden falar a nosa lingua, buscar refuxio cando os asalta a morriña, ou xuntarse para celebrar as nosas festas. Cando botan de menos máis do habitual a súa casa, ou os nosos costumes, saen a correr polas rúas desa cidade extraña ao ritmo dos acordes de Miña terra galega, e se o frío ou o cansancio o impiden,quédanse mirando a foto de calquera rincón da nosa terra que ocupa un espazo especial na habitación.

Non entraba no seu plan de vida ter que deixalo todo, nen nos daqueles que cando remataron a carreira se atoparon con que as únicas saídas que tiña o que estudaron eran por terra, mar, ou aire, nen dos que durante anos recolleron os froitos dese bum urbanístico que acabou nunha burbulla inmobiliaria pinchada.

Son esos milleiros de mozos e mozas que nos últimos anos tiveron que emigrar de Ourense, 6 ao día no ano 2015, segundo os datos do INE o dobre que no 2014. Unha tendencia, que dende o 2008 non deixa de medrar. Algo se cabe máis preocupante se temos en conta que máis do 70% dos que tiveron que facer as maletas teñen unha idade de entre 25 e 44 anos. Marcharon escapando de salarios que en moitos casos non chegaban ao mínimo establecido, da ausencia de emprego de calidade, e da propia estructura empresarial donde a investigación e a innovación son ciencia ficción. A perda de milleiros de mozos e mozas con alto nivel de formación puxémoslle ata nome, «fuga de cerebros», unha fuga que debilita o potencial productivo da nosa provincia, que agrava aínda máis a perda e o envellecemento dunha poboación que ronda os 50 anos de idade media, e que segue empeorando as perspectivas para a sustentabilidade da nosa economía.

Este incendio socioeconómico debe ser apagado con urxencia, para poder trasplantar na nosa provincia un talento que debe ser a semente do Ourense do futuro.