Vendo a cantidade de aplicacións que hai para atopar parella, está claro que iso de que Cupido acerte non che é tan sinxelo. Máis ben todo o contrario. O do amor así con todas as letras parece algo reservado a máis ben poucos. Será cuestión de sorte dar coa persoa. Porque o importante é iso, dar coa túa persoa, con esa que te complementa, que te fai rir, e claro, tamén te excita. Porque senón o que atopaches foi un amigo. Encontrado todo o anterior (igual falta algún ingrediente a maiores, pero se xa na cociña cada un ten os seus segredos, canto máis nisto), toca atreverse, dar o paso, arriscar... Gañar ou perder xa depende de moitos factores. Pero ser valente e querer a alguén semella farto ousado. E todos os medos, todas as inseguridades, todos os riscos, aventúranse moito maiores cando un quere (porque a sexualidade non se decide) a unha persoa do mesmo sexo. Ou cando un descobre que o seu corpo, ese no que naceu, non se corresponde con quen é. En pleno 2016, con todos tan modernos e tan modernizados (que ata para saber o tempo miramos a pantalla do móbil, coma se non fora máis sinxelo abrir a fiestra e levantar a vista), resulta que aínda non está normalizado que dous homes ou dúas mulleres demostren en público que son parella. E moitas outras cousas relacionadas coa sexualidade propia. Coma se meternos na cama do veciño (en sentido figurado) a opinar fora normal. O normal debería ser (e por desgraza non é) que cada quen faga coa súa vida e co seu corpo o que lle pete. O único límite debería ser que os implicados (o do número, depende de cada quen) estean de acordo. Os límites (falsamente) morais de moitos, sobran.