Semellaba que ninguén nos ía librar dunha ración extra de eleccións e así foi. Ás xa previstas autonómicas xa están engadidas unha novas xerais e daquela imos ter baile de siglas para dar a benvida ao verán e para celebrar o outono. Nas carreiras que andan a dar para colocarse e encetar con esa precampaña que non deixou de ser campaña dende o errado 20D xa empezamos a ver de todo: aparicións de Rajoy, beatificación popular de Feijoo, posicionamentos socialistas para alinearse con algún dos planetas da órbita estelar galega, navalladas nas mareas e mesmo erupción volcánica ideolóxica en forma dunha nova vía. De centro e galega, para que haxa para todos.
En Expourense Rajoy recoñeceu que non estiveran finos á hora de atallar a corrupción no partido. E a nova estrela mediática do PP galego, o querubín rillote de Ferrolterra bendecido na mesma pía baustimal na que foron estrelas de fin de semana Rajoy e Feijoo, declaraba onte neste xornal que coa corrupción cometeran o erro de non actuar coa «contundencia necesaria». Como declaracións de intencións por parte de Rajoy ou de Tellado están ben, máis suponse que non deberían ter atranco para facelo, de ser ese o seu desexo.
Na casa do outro lado da rúa manteñen os seus sinais de identidade. O PSdeG-PSOE é máis de matarse entre eles que de achicar ao inimigo. E a elección do novo secretario xeral do partido e as manobras dalgúns para ver de darlle a volta ás listas xa son escenarios de sobra para baterse, deporte preferido na casa socialista.
Coma sempre, cambian as datas mais non as mensaxes.