«David Bruzos é só un instrumento»

Miguel Ascón Belver
miguel ascón OURENSE

OURENSE

Será o primeiro deputado alleo a PP e PSOE nun carto de século e di que o ve como un cometido colectivo, non persoal

22 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Di vivir nunha «montaña rusa» desde que na xornada do domingo os seus veciños lle encargaran representar á provincia en Madrid. David Bruzos Higuero (Ourense, 1979), mestre liberado, promete volver ao seu traballo pasados estes catro anos e di que agora como deputado a súa prioridade será a xeración de emprego para fixar poboación no rural: «Hai un montón de xente con un montón de pequenas iniciativas empresariais, autónomas ou incluso cooperativistas e o único que se precisa é permitirlles que o fagan, eliminando trabas burocráticas e tendo acceso a cartos».

-¿Perderá Ourense un activista social cando pise moqueta?

-Non, eu son un activista de Ourense e quero trasladar todo o que poida alá, pero quero seguir facendo traballo político aquí.

-¿Esperaba este resultado antes de comezar a campaña?

-Non, non, non, claramente non.

-En principio contábase con obter representación na Coruña e Pontevedra pero non en Lugo e Ourense, ¿non si?

-Creo que inicialmente en Ourense e Lugo non había previsión porque xa se contaba con que era moi difícil sacalos. Eu claramente a nivel persoal non contaba e creo que politicamente contábase con facer moito esforzo e intentalo, pero non con obter este resultado.

-¿Cre que os partidos integrados na Marea transixirían cun independente ao fronte da lista se pensaran que obterían representación aquí?

-Non sei. É certo que fixeron moitos xestos de xenerosidade nas organizacións tanto na negociación do acordo final como nas candidaturas. Cando a min me chamaron, precisaban un activista, pero eu nin sabía que era para o número un; sabía que precisaban a alguén da sociedade civil para acompañar a unha persoa de cada organización. Supoño que, unha vez tiveron a esa persoa, organizaron a lista como consideraron que debía ser. Non che podo dicir se é porque as organizacións pensaban ou non que se podía sacar. Prefiro pensar que se fixeron moi claros xestos de xenerosidade, pero tampouco sei se son inxenuo, eh.

-¿A quen gardará David Bruzos fidelidade? ¿A Pablo Iglesias, a Xosé Manuel Beiras, a Alberto Garzón...?

-¡Caray! En realidade eu creo que non é tanto cuestión de figuras. Incluso diría que David Bruzos aquí é só un instrumento da provincia. Non considero que vaia estar alí a nivel persoal e, en calquera momento, en canto se diga colectivamente que hai que ir para aquí, se irá para aquí e se hai que ir para alá, se irá para alá. E, cando se diga «acabou o teu tempo», pois eu volvo para o meu traballo.

-Entón, ¿que fará En Marea coa investidura?

-Agora mesmo a opción de Alberto Garzón non é unha opción como tal porque sacaron dous deputados como Izquierda Unida. O arco político que temos é moi variado e hai moitas cousas das que falar aínda. Non é unha cousa nin sinxela nin persoal.

-E se fora persoal, ¿que lle gustaría a vostede que pasara co novo Goberno central?

-O que me gustaría é que, independentemente de quen teña o mando do Goberno (aínda que eu teño tamén as miñas preferencias) houbera un cambio radical nas políticas que se levan a cabo. Quen leve a cabo iso claro que é importante pero en realidade o máis importante son as medidas.

-Por descarte, entendo que a súa preferencia é, por tanto, Pablo Iglesias. Pedro Sánchez non, supoño.

-Eu o que podo dicir é que creo que se fixeron cousas moi mal neste país e que ten que haber un cambio claro. É moi complicado que líderes de organizacións que lle deron as costas a cidadanía poidan liderar ese cambio. Por suposto, hai que dar segundas oportunidades e hai que ver se é posible, pero é complicado.

-Hai quen di que En Marea dinamitou o nacionalismo. Sen embargo, entre outras cousas, nas súas intervencións durante a campaña facía vostede fincapé en que Galicia debe ter voz propia en Madrid. ¿Considérase vostede nacionalista?

-É unha pregunta complicada. Normalmente eu fuxo de etiquetas porque acábanche configurando unha personalidade política moi ríxida. Eu si creo que hai que atender claramente a unhas necesidades que ten Galicia e que non se estiveron atendendo no pasado. Se a iso alguén lle quere chamar nacionalista, non teño problema. E se alguén quere chamarlle outra cousa, tampouco. Sobre o de dinamitar o nacionalismo, eu entendo que cadaquén teña que defender as siglas que lle corresponde, pero intentouse que esta proposta política fose máis ampla. Oxalá que no futuro non sigamos atopando.

-¿Que significará para Galicia ese «grupo parlamentario propio»?

-É unha noticia fantástica porque teremos voz non só no Parlamento como tal senón tamén en todas as comisións. Cae de caixón que é fundamental ter unha voz propia para que permanentemente se teña a Galicia no punto de mira.

david bruzos higuero novo deputado de en marea por ourense

«Contábase con facer moito esforzo e intentalo, pero non con obter este resultado»

las consecuencias del 20d