Miguel Anxo Fernández opina que será favorita nos Goya
08 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.«Pese a cantidade de información que aporta, o guión está moi ben enfiado e condensado. Paréceme un traballo maxistral e impecable que me impresionou realmente». Así de rotundo fala o crítico de cine, Miguel Ánxo Fernández do documental Frankenstein 04155. A película do director Aitor Rei e a produtora Boneca Lareta protagoniza este mércores unha nova edición do ciclo de debates A viva Voz (19.30 horas, no salón do centro Afundación na avenida de Pontevedra). Fernández, que será un dos participantes nesa cita, opina que o documental que analiza as circunstancias que rodearon o accidente do Alvia en Angrois o 24 de xullo do 2013 merece as nove candidaturas para as que está seleccionado no Goya 2016. «Para min esa circunstancia non é algo gratuíto. Aínda que lle queda pasar a criba para as nominacións, penso que na categoría principal, que é a de mellor documental, vaino a ter moi fácil porque ten tódalas condicións que se piden a un bo documental: é un áxil, moi didáctico e nada coñazo. Frankenstein 04155 é un produto cinematográfico e audiovisual impecable» destaca.
O crítico valora especialmente que Aitor Rei evitara afondar nas secuelas das vítimas do accidente. «Conseguiu ese obxectivo de dirixirse á intelixencia e non ás vísceras do público. É evidente que neste traballo hai unha renuncia explícita a reproducir por exemplo imaxes de arquivo, que seguramente as poderían conseguir facilmente, sobre o resultado propio da traxedia e ir falar cos feridos con secuelas graves; que sería tamén unha opción lícita si queres machacar ao espectador. Pero aforrounos todo iso que o espectador intelixente sabe que existe».
Dende o punto de vista técnico Miguel Anxo destaca a elección «non sei se consciente ou inconscientemente, da opción máis realista e absolutamente limpa de artificios; a máis crúa e descarnada. Meten as imaxes como son. Non hai un traballo de postprodución da imaxe para facelo máis bonito. As testemuñas cóllense limpas, tal cual se grabaron e nótase que o que interesa é a mensaxe, non o entorno nin nada secundario. Paréceme que é una opción moi lúcida».
Miguel Anxo Fernández valora tamén a inclusión de infografías coma un «recurso moi didáctico» e a utilización de varios elementos narrativos que considera un acerto: «Especialmente o comezo coa pantalla en negro e con esas voces en off do maquinista e do técnico dende Madrid falando por teléfono, xusto despois do accidente; e o do grafiteiro que vai creando o título da película, o de Fankenstein, nun mural e ao final lle bota un caldeiro de pintura vermella, como dicindo, aí vai a traxedia».
Dende o punto de vista persoal, Miguel Anxo Fernández confésase «realmente impresionado, porque aínda que tiña coñecemento do desgraciado accidente a través dos medios e sobre todo da ampla cobertura que lle foi dando La Voz de Galicia, nunca tes una visión tan completa como cando ves este documental que en hora e media te vai levando realmente por toda a historia. Este tipo de produto non vai dirixido a facer caixa en taquilla, pero é o típico documental que queda para sempre, que pervivirá como testemuña e acto notarial de un feito que, evidentemente, ten moito de escándalo», sentencia.