Ourense ante o 20D

Noela Blanco OLLADAS DE OURENSE

OURENSE

Toda xornada electoral se concibe coma un día no que a cidadanía escollemos a mellor opción para o noso presente e futuro, baseada non soamente nas propostas dos diferentes partidos políticos, senón tamén nunha especie de exame de selectividade, valorado a través dos resultados obtidos en cada unha das áreas nos que se miden as aptitudes e actitudes de quen nos gobernou os últimos catro anos. Calidade no emprego e paro rexistrado: os datos da EPA do terceiro trimestre amosan que na nosa provincia hai máis poboación inactiva que traballando ou en disposición de facelo, 23.900 persoas sen traballo, 8.900 fogares con todos os seus membros en paro, e que os ourensáns e ourensás que traballan na nosa provincia o fan a costa de ter os salarios máis baixos de toda Galicia. Pensións: os 762 euros mensuais que perciben de media os nosos pensionistas sitúaos coas asignacións máis baixas de toda España. Economía: empregando como medidor da situación dos sectores productivos o índice de actividade, e comparándoo coa media do país, observamos que está case doce puntos por debaixo. Demografía: a cada vez máis minguada taxa de natalidade, unha media de idade da poboación que ronda os 50 anos, e o masivo éxodo dos máis novos, fan que Ourense teña unha situación demográfica crítica, cunha perda poboacional nos últimos cuatro anos de máis de dezasetemil persoas. Ourense afronta pois esta cita electoral cun suspenso en todas as áreas importantes no que a indicadores de calidade de vida se refire, con datos que invitan ao pesimismo e que amosan o resultado das políticas destos últimos catro anos non soamente do Goberno de Rajoy, senón tamén dos de Feijoo en Galicia, e de Baltar en Ourense. Este cóctel explosivo que supuxeron as políticas da dereita nos ámbitos provincial, autonómico, e estatal, deben invitarnos aos ourensáns e ourensás non soamente a unha reflexión cos número enriba da mesa, senón a empregar o noso voto para mudar esta situación, para provocar un cambio de políticas que sitúe a Ourense no lugar no que se merece.