«El último de la fila»

Ana Barrios SECRETARIA XERAL DE CC.OO. OURENSE

OURENSE

22 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe ter un emprego pasa de ser un dereito a ser un ben. Un ben que debera ser prezado pero, nun xogo de letras, convértese en precarizado, entre outras cousas, polos baixos salarios. A pobreza laboral é un termo que pode definir estes anos de crise en Ourense. Somos «el último de la fila» cos salarios máis cativos de Galicia e na cola dos do Estado. Se a este feito lle engadimos a devaluación salarial, esa estratexia central no durísimo plan de axuste da economía española, isto só se pode traducir nun escalón menos no nivel de vida da nosa provincia.

Pero aínda se pode ir máis lonxe. As mulleres ourensáns gañan preto dun 14 % menos que os homes. Nos últimos anos, a brecha salarial viuse agravada como consecuencia da crise, as políticas de recortes e por unha regresiva reforma laboral.

Os salarios deben de ser dignos para unhas vidas dignas. É necesario incrementalos para rematar coa pobreza e as desigualdades, para saír da recesión e da crise, para impulsar a nosa precaria economía.