O noso concello

Xosé M. Pacho DENDE A FIN DO MUNDO

OURENSE

28 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Falar de xestión pública é como falar de honradez política. E ninguén perde o tempo falando disto. Non é rendible. Se podes falar de Enrique Iglesias ou de Alejandro Sanz, para que falar dun concepto que trata de que a administración empregue todos os seus esforzos en satisfacer as necesidades da poboación e conseguilo ademais, de xeito eficiente. Noutros países esta é a pedra angular sobre a que se asenta a administración.

Na nosa contorna as cousas son diferentes. Día tras día, temos exemplos abraiantes desa falla de xestión pública, ou noutras palabras, do pouco respeto que teñen os que mandan polo diñeiro dos nosos impostos.

Podemos descubrir marabillados como políticos e operadores xurídicos inauguran un edificio xudicial sin licencia de ocupación. E organízanse traslados sen preocuparse por ese pequeno detalle que xa se solucionará cando saia na prensa.

Descubrimos tamén marabillados como caen na conta de que aínda que hai un proxecto no que aparece un aparcamento, non se pode facer porque hai un río ao lado. Río que polo menos debe levar alí como seis mil anos, pero imaxino que ninguén se percatou.

Sería de nota pedir que pensasen un pouco o impacto que ten o edificio no barrio do Couto, que preparasen os accesos, que non autorizasen un centro de saúde ao lado? Vaia desgusto levarán cando se enteren de que os xulgados están xusto no principal acceso á cidade.

Chegan as municipais, e uns outros vólvense tolos facendo listas, falando de que as ideas están por ribas das persoas, buscando caras novas. Pero ninguén exhibe un modelo de cidade, un modelo de xestión, que evite o que está a pasar coa rúa Concello.

O estado desta rúa define moi ben como entenden os nosos políticos a xestión pública. Así que agora, a dous meses das eleccións, a arreglar o concello. Pero non ten arreglo.