«Os mozos non constrúen cidade porque non poden, vanse»

Cándida Andaluz Corujo
cándida andaluz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

martina miser

Centos de mozos participaron nas últimas dúas décadas nalgunhas das actividades programadas pola institución dependente de Salesianos

13 jul 2014 . Actualizado a las 07:15 h.

Se alguén sabe perfectamente o que pensan os mozos ourensáns de principios de este século e o que lles preocupa ese é Xulio César Iglesias. Como coordinador de Amencer nos últimos vinte anos, cre que a cidade debe cambiar para que atopen o seu oco.

-¿Cal é o principal cambio da xeración de mozos que atopou hai vinte anos e a de hoxe?

-A de hai vinte anos era máis madura. Máis responsable nas pequenas cousas que facían. Antes podían estar sós na súa casa e ter a chave, ir sós á librería a mercar un libro. Eran máis autónomos e estaban máis seguros de si mesmos. Hoxe hai moito medo a que lles pase algo, que teñan un contratempo. Naquela época dabámonos golpes e non pasaba nada. Hai mozos ourensáns que van á universidade e non saben facer un ovo fritido, buscar un piso ou matricularse sós.

-¿A que cre que é debido?

-A sociedade actual ten en algodóns ós mozos. No fondo seguimos tratándoos como nenos pequenos, con 18 anos. Por iso teñen todos eses medos. Estase infantilizando e retrasando a súa responsabilidade e autonomía. Cando eu tiña 12 anos ía o parque de A Ponte só. Para os pais de agora iso é impensable. Estarían chamando ó móbil cada cinco minutos.

-¿En que momento sucedeu este cambio?

-Hai uns dez anos e creo que vai a máis. Hai elementos sociolóxicos, como que cada vez hai máis fillos únicos por motivos de traballo, económicos ou por outros. A democracia empeza na habitación, cando se ten que compartir. Antes na Operación Quilo dábannos xoguetes usados ou de empresa, agora sen estrear, porque non lles da tempo a abrir os seus propios regalos de Nadal.

-¿Que é o que máis lles preocupa?

-Para eles, o gran mundo é o afectivo, no sentido amplo. Cada vez os rapaces están mellor na casa e na familia, supoño que porque se admite e protexe case todo. O tempo de lecer tamén lles preocupa, pero o non regrado o que non ten horario. Ese tempo no que eles deciden o que se pode facer. Por iso danlle importancia á noite. Cada vez son máis tímidos porque usan as redes sociais e as relacións cara a cara cóstanlles. Non queren enfrontamentos. Antes diciámonos as cousas á cara, hoxe se se atopan mal, póñeno nun tuit.

-¿Que coñecen da súa cidade?

-O seu contorno pequeno, os lugares de diversión e o centro comercial, que para moitos é o seu templo. Hai outro grupo que xira na Alameda e na zona de viños. E os amantes dos deportes coñecen todos os campos de fútbol ou baloncesto da provincia.

-¿Que lles ofrece a capital?

-Ourense estase convertendo nun pobo de hai vinte anos. Onde a xente ía ás festas patronais e como máximo arranxaba a casa para ir de cando en vez. Os mozos, que teñen que estudar ou traballar fóra, veñen en vacacións a ver as familias, pero non se quedan. Non constrúen cidade porque non poden, vanse. Non hai ourensáns mozos. Ourense non lle dá futuro as novas xeracións. Agora, por exemplo, co que pasa coa desaparición do Clube Deportivo Ourense. Os que son máis deportistas veno como outra cousas máis que perde Ourense. A universidade que temos non é o grande que nos gustaría e tras un ciclo superior aquí non teñen lugar e teñen que marcharse.

-¿Hai solución?

-É necesario ter un pacto político non partidista, en todas as institucións. É necesario un plan integral e ilusionar á xente.

xulio césar iglesias coordenador da asociación xuvenil amencer

«É necesario un pacto político non partidista, un plan integral e ilusionar á xente»