Ao escritor e xornalista de Celanova adicou a RAG o 17 de Maio en 1967
08 may 2014 . Actualizado a las 07:10 h.En pleno franquismo, e cunha traxectoria vital marcada polo seu anticlericalismo e os seus ideais republicanos e rexionalistas, non era doado homenaxear a Manuel Curros Enríquez (Celanova, 1851 - La Habana, 1908). Naquela altura a Real Academia Galega apostou por facer xustiza cun autor nunca esquecido, máis sempre agardando polo recoñecemento merecido, ao que os cidadáns e os artistas galegos tiveron sempre como un dos seus referentes -Ahí ven o maio, de Luis Emilio Batallán sobre o poema de Curros, foi elexida no seu día polos galegos como a súa canción máis representativa-.
A súa faceta como xornalista, o seu compromiso social -entre outras cousas foi un dos abandeirados na reivindicación da chegada do tren a Ourense- e a súa obra literaria convertiron a Curros Enríquez nun intelectual querido e admirado polos cidadáns. Foi un dos promotores da Real Academia Galega e, xunto a Rosalía de Castro e Eduardo Pondal, forma parte dos autores de referencia do Rexurdimento. Coroado no seu día como o poeta nacional de Galicia, o seu enterro na Coruña -logo de ser trasladado dende Cuba- foi unha manifestación sen precedentes en Galicia: 40.000 persoas participaron no seu cortexo fúnebre (daquela A Coruña contaba con 50.000 habitantes).
Varios congresos sobre a súa figura, e o traballo da fundación Curros, contribuiron a recuperar o legado do celanovense.