A libraría pecha, aínda que se manterá a actividade dende internet
26 mar 2014 . Actualizado a las 07:20 h.A nova estaba aí, agochada, e moitos querían que non fose real, que só quedase nunha máis das moitas pegotas que percorren a cidade de cando en vez. E algúns entran no establecemento coa sensación de perda, de mágoa, de querer fixar a imaxe do que axiña non será, de culpabilidade impropia polo que puideron ter feito e non fixeron. E a confirmación chegou polo mesmo soporte que lle dará continuidade, internet, e na marexada dunha rede social: pecha a libraría Torga.
A crise e os malos tempos, tamén para a cultura -sobre todo para a cultura, aínda que Xavier Paz acredita en que as épocas revoltas son campos vizosos para dar novos froitos e colleitas, para reinventarse-, escriben o remate dun proxecto cultural que foi moito máis que librería, que apostou pola identidade como bandeira, sen esquecer nunca as novidades do mercado editorial en castelán. O propietario de Torga sinala un paralelismo que non está fóra de lugar: «Nós cumprimos un ciclo, cunha aposta clara polo libro galego e a cultura do país. Coas diferenzas obvias polo paso dos anos e as circunstancias, xogamos un papel como o que puido ter a vella Tanco no seu tempo». Fala sempre en plural e reitera unha e outra vez o apunte a rodapé: «Este proxecto e todos estes anos de actividades e iniciativas non sería posíbel sen a colaboración e a implicación de Eva Sotelo. Sen ela Torga non chegaría ata aquí».
Dende o ano 1995
Aínda que a identificación da cidade e da xente da cultura coa libraría da rúa da Paz fai que o escaparate de Torga se antolle como unha imaxe histórica, lonxana no tempo e nas décadas, abriu as súas portas hai máis de 19 anos, a finais de 1995. Un imaxinario colectivo, o da súa presenza social e cultural, que está vencellado á grande actividade que desenvolveu en todo este tempo. O seu propietario nunca levou conta certa das propostas programadas -tira de papel e bolígrafo, repasa, anota, fai operacións- aínda que «nestes anos pasamos ben das cincocentas actividades. De todo tipo: presentacións, recitais, programas de radio, microconcertos, presentacións de discos». E na libraría montáronse «jaimas», pasou un ministro kurdo no exilio e ata se botaron os libros á rúa -na famosa e multitudinaria presentación da Rede Escarlata-.
Novos tempos e esquemas
Torga, que pechará en abril, seguirá prestando servizo aos seus clientes: «Doutro xeito e acorde aos novos tempos, de forma máis próxima e persoal».