Se á conversa entre Cibrán Sierra (Ourense, 1979) e Ramón Area (Marín, 1938) se lle aplicase un programa informático para detectar as palabras máis empregadas, arrasarían sedución, paixón, compartir, curiosidade e preguntas. Se fosen as pistas dun xogo de adiviñas, o escenario de fondo sería unha clase de filosofía. O encontro discurre na mesma aula de 3º BUP que ambos compartiron no curso 1995-96. O instituto das Lagoas é, para o mestre xubilado e para o prestixioso violinista, un espazo de grandeza vital, «un modelo de instituto público».
O ensino público -nunca ben tratado e hoxe maltratado, en opinión de Area- é, para Cibrán Sierra, «fundamental porque é un exercicio democratizador de sementar a curiosidade». A espertar a súa contribuíron de forma importante dous profesores: Xulio Negreira e Ramón Area. Filósofos ambos, en Area -«era o Bob Dylan da filosofía, cos rizos e esa voz desgarrada»-o Cibrán adolescente atopou «un profesor que compartía paixón e elevaba esa paixón a unha dimensión diferente. Animábate a compartir coñecementos, non só a demostrar que os tiñas. Xulio e el fixeron algo que parece unha tontería pero que resultaba revelador: foron os primeiros profesores que nos facían preguntas a nós constantemente; para min foi un impacto e, agora que tamén son profesor, creo que é a mellor ferramenta para espertar a curiosidade. Aquelo foi revelador, por primeira vez non estabas na clase para para aprender un temario e demostrar que o sabías».
«Cibrán era un alumno deses que descubres enseguida -comenta Area-; tiña capacidades e, sobre todo, moitas inquietudes. Era bo estudante tamén academicamente, era un estudante completo porque tiña aficións, non se dedicaba só a estudar».
Del garda unha lembranza simbólica: «Eu facía unha cousa: os alumnos tiñan que ler un libro e presentalo en público someténdose a preguntas miñas e dos compañeiros. Eu dáballes títulos de certo nivel académico e Cibrán escolleu O porco de pé; fixo unha exposición moi brillante que aínda lembro. Eu era moi intransixente en que falaran en público e sen apuntes porque no ensino é todo escrito, falta falar. Cibrán tiña moitas tablas».
O daquela estudante de violín xa estaba afeito ós escenarios. Durante anos compaxinou o instituto e a música. «Viaxaba moito. Había 4 ou 5 períodos no curso en que faltaba durante 10 ou 15 días. En 3º BUP estaba acabando no Conservatorio en Ourense e ía todas as fins de semana á Coruña a clases particulares de violín; ademais, estaba na Orquestra Xove da Sinfónica de Galicia e na Joven Orquesta Nacional de España, así que fatalba a clase cada 2 por 3. Despois metíame un atracón de estudo e tiña compañeiros marabillosos que me pasaban os apuntes. Era duro, pero un prezo que non me costaba pagar. Nese curso decidín definitivamente que quería dedicarmente profesionalmente á música».
Era unha época, añora o filósofo, na que o mestre aínda lle podía ofrecer ó alumno, como aliciente para estudar, a expectativa do saber útil. Hoxe -enleados pola economía, a perda de autoridade e a sobreaccesibilidade de internet- só nos queda a sedución do saber».
cibrán sierra e ramón area