José María Iglesias Meleiro: «O Nadal é unha boa época para educar sobre o alcohol»
OURENSE
A media de hospitalizacións por intoxicación etílica entre os menores de 15 anos é de catro por ano
02 ene 2014 . Actualizado a las 07:10 h.A UCI pediátrica do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense recibe, por maior seguridade e control, a todos os menores de 15 anos hospitalizados por intoxicación etílica. José María Iglesias é o pediatra especializado na súa atención.
-Nadal, festas, comida e... alcohol. ¿Nesa relación entran tamén os nenos?
-Nós aquí, pola experiencia do propio hospital, non temos constancia de que ingresen máis menores de 15 anos, que é a nosa poboación pediátrica, en fin de ano que noutras épocas. Do que si temos constancia é de que os ingresos se producen sempre en fins de semana e festivos.
-¿Hai un patrón claro de consumo?
-O patrón cambiou moito dende hai dez anos; antes era un consumo máis constante todos os días da semana, agora beben a mesma cantidade, pero todo de golpe, en fin de semana. Os ingresos que tivemos no CHUO nos últimos cinco anos son dende o venres pola noite ata o luns pola mañá.
-¿Cal é o perfil deses rapaces?
-Normalmente é a primeira vez que se emborrachan e é moi lixeramente superior o número de mulleres respecto ó de homes, sobre todo por razón de constitución física, non porque os hábitos sexan diferentes entre sexos. Os casos que tivemos aquí foron de intoxicación moderada, con vómitos, dificultade para espertar e, en cifras, cando lles fas unha análise de sangue están entre os 100 e os 200 miligramos por decilitro. Ata os 100 considérase intoxicación leve, ata os 200 moderada e a partir de aí, grave.
-¿Son conscientes os pais da realidade?
-A sensación da xente é que emborracharse de cando en vez é algo normal, pero para un rapaz ten moitas consecuencias: na aprendizaxe, na memoria, na planificación de tarefas... O alcohol é a droga que máis mortes causa de forma indirecta, por exemplo con accidentes de tráfico. E a maiores están outras consecuencias relacionadas co seu consumo como embarazos non desexados, enfermidades de transmisión sexual, traumatismos por caídas, afogamentos... O alcohol pode provocar un coma.
-Parece imposible pensar nunha festa sen alcohol.
-O Nadal é unha boa época para educar sobre o alcohol porque está moi presente. Hai que saber que ten consecuencias, que te desinhibe e iso pódeche facer adoptar conductas de risco. Todo o mundo ten presentes os riscos doutras drogas, pero non do alcohol porque está máis permitido e está máis aceptado socialmente pero, ó final, é a droga que máis problemas dá.
-¿Que falla?
-É unha droga legal e os pais non son conscientes de todo o que vai arredor. Falta un pouco de información, non polas consecuencias inmediatas senón por todo o que pode provcar.
josé maría iglesias meleiro médico da uci pediátrica do chuo