«Custará recuperar o conquistado»

Jesús Manuel García OURENSE

OURENSE

Santi M. Amil

Abelardo Conde di que as Matemáticas déronlle disciplina, orde e rigor

09 dic 2012 . Actualizado a las 13:10 h.

Abelardo Conde leva boa parte da súa vida na provincia de Ourense. Do seu Viveiro natal pasou a estudar na Universidade de Santiago, entre os anos 1972 e 1977, Ciencias Exactas. Estamos ante un home disciplinado, intelixente e de retranca. Na súa vida hai dous feitos que, recoñece, marcárono para o resto dos seus días. «Cando estudaba o COU no 1972, aconteceron os sucesos de Ferrol, e os cinco anos na universidade foron anos convulsos, do final do franquismo e comezo da democracia, tempo de moita actividade», sinala.

Conde e os seus compañeiros de estudos sabían que aquela carreira lles ía levar ao ensino. «Non había ordenadores como agora nin moitas máis posibilidades», comenta. No laboral, aquela foi unha época boa porque non era complicado obter unha interinidade mentres non preparaba as oposicións. Como interino estreouse no instituto de Viana do Bolo, de gran recordo para el. Logo aprobou a oposición e o seu primeiro destino foi o País Vasco: «Tocoume traballar como profesor de Matemáticas en Basauri durante dous cursos, e despois xa viñen para Ribadavia, onde pasei oito anos, anos que foron tamén fabulosos».

Do Ribeiro pasou a Ourense, dando clase primeiro no instituto de As Lagos durante seis anos, e, desde hai trece, exerce a docencia no instituto de Mende.

Pero Abelardo é tamén un home con forte conciencia sindical. Hai unhas semanas cedeu o testigo na sección de ensino de Comisións Obreiras. Recorda cando a finais dos setenta constituíron en Ourense a sección do ensino deste sindicato: «Empezamos nove persoas a traballar. Foron anos duros porque no sector, a Comisións víana como un sindicato de obreiros do metal». Mais no 1986 esta central sacou uns resultados baixos. Coa folga para reivindicar os mestres a homologación de funcionarios, en Ourense sucedéronse as asembleas. «Firmouse o novo acordo con Comisións e a xente xa non nos vía como obreiros senón como profesores», sinala Conde Núñez.

Naqueles anos os profesores acudían ás xestorías para os concursos de traslados, porque desconfiaban da administración. «Empezamos a dicirlles que non era necesario ir ás xestorías e gañamos credibilidade ata dar un cambio e ser o sindicato máis votado en Ourense, o de máis delegados no ensino e o que preside a Xunta de Persoal Docente desde fai doce anos», di orgulloso Conde. Casou con outra matemática, Estela Lamas Bussieres. O feito de ter estudado Matemáticas procuroulle tres cousas fundamentais: «Disciplina, orde e rigor». Considera que esta materia pode ser empregada como elemento de discriminación. «Hai máis malos profesores de Matemáticas que malos alumnos neste eido. Uns rapaces son máis áxiles que outros pero as Matemáticas non se poden usar como arma arroxadiza nin como un medio de poder. Por sorte, a un 90 % dos meus alumnos lles gustaba e gusta a materia», explica o noso profesor.