A arqueoloxía e a historia son os nexos profesionais de pai e fillo
29 jul 2012 . Actualizado a las 13:00 h.Hoxe, implicado e entusiasmado coas escavacións no xacemento de Armea (Allariz), escoita como o seu pai, Pepe Vázquez Osorio, lembra unha desas anécdotas que quedan na memoria familiar co cartel de feitos simbólicos: «Sendo neno, caeu nun foxo en Cambeo; non foi nada, pero eu aproveitei para explicarlle que era un castro».
Anos máis tarde os castros formarían parte do decorrer cotián para Martiño. «Eu sempre lle dixen que é unha profesión en precario, ten que ser vocacional porque ás veces non dá nin para vivir. El sabíao ben cando a escolleu porque eu estiven 12 anos vencellado a este mundo e viu como andaba dun lado a outro, unhas veces no Caurel, outras en Lugo, outras en Aquis...».
Martiño tiña un ano cando o seu pai comezou, como debuxante arqueolóxico, na primeira escavación no xacemento romano de Aquis Querquennis. A el segue vencellado, como membro do grupo Larouco, e nel tivo Martiño o seu primeiro traballo escavando, como peón de arqueoloxía. Era o 2006.
Pepe Osorio formouse na técnica do debuxo arqueolóxico, para catalogación de pezas, no Museo de Ourense e traballou en moitos xacementos galegos. Unha nova de La Voz de Galicia sobre a recuperación de Allariz espertoulle a idea de abrir nesa vila un espazo coma o que hoxe rexenta, A Moa, un gabinete de debuxo arqueolóxico e un obradoiro de artesanía. O debuxo xa case pasou á historia, soterrado pola fotografía e a informática, pero A Moa é un lugar magnífico para coñecer a arqueoloxía con outra perspectiva.
«Estes rapaces que saen agora da facultade xa teñen a materia de debuxo arqueolóxico. Na miña época o debuxante ía por libre, non era arqueólogo», di o pai. «Agora a arqueoloxía é moi diferente. O meu pai -engade Martiño- viviu a arqueoloxía co bum urbanístico e eu, coa crise urbanística. Nos 90 foi cando máis se escavou -autovías, rede ferroviaria...- pero menos información se sacou. A arqueoloxía vencellouse unicamente á construción, non á investigación, non se xeraba coñecemento. Hoxe vencéllase máis a crear innovación para o desenvolvemento da sociedade, dende o turismo, por exemplo. En Inglaterra hai vilas enteiras vivindo do seu patrimonio; aquí, Allariz é o exemplo perfecto».
Martiño envexa da época do seu pai «o espírito romántico da arqueoloxía; hoxe somos moito máis técnicos». E Pepe non agocha a admiración que sente polo seu fillo «porque lle toca unha época moi difícil. Encantaríame que tivese a sorte de escavar nun sitio coma Lugo pola riqueza de materiais».
De momento, Martiño aplícase a sacar adiante unha empresa de xestión integral do patrimonio e goza cos descubrimentos en Armea: «Eu non son cacharrólogo; emocióname menos unha peza que as lendas e todo o mundo que a xente crea arredor dunha escavación».
O pai é Pepe Vázquez Osorio e o fillo, Martiño Vázquez Mato.
55 anos cumprirá o pai no próximo mes de novembro; e o seu fillo ten na actualidade 28.
Arqueoloxía.
«De pequeno na casa sempre había cacharros e o meu pai sempre debuxaba». É a primeira imaxe que desgrana Martiño Vázquez Mato cando se lle pide que remexa no trasfondo familiar da súa profesión de arqueólogo.