¿Importa como se chame?

Serafín González

OURENSE

Para os cidadáns, a proximidade física das administracións sempre foi unha vantaxe á hora de facer todo tipo de xestións, pero na era de Internet esa vantaxe é máis reducida e a Confederación Hidrográfica do Norte xa tiña unhas oficinas en Ourense, ás que só cambiou o nome polo de Confederación Hidrográfica do Miño-Sil. Máis aló dese cambio cosmético, ¿mudou algo na xestión da auga e os ecosistemas acuáticos nas bacías do Miño-Sil e o Limia? A ameaza da estación de bombeo de Santa Cristina no Canón do Sil segue presente, a sobreexplotación hidroeléctrica non respecta os caudais ecolóxicos, os regadíos abusivos en Monforte e a Limia poñen en perigo ecosistemas e especies ameazadas, mentres a deficiente depuración de augas residuais e a mala xestión dos residuos agrogandeiros fan que as proliferacións de cianobacterias tóxicas sexan máis fortes e frecuentes (As Conchas, Castrelo, Cachamuiña,...) e non se escoita aos veciños afectados. Ignórase a conservación das zonas húmidas existentes e a recuperación das desaparecidas, e péchanse os ollos diante do colapso hidrolóxico da bacía do Limia. Non importa o nome. Si importa que dunha vez por todas os responsables da Confederación Hidrográfica con competencias sobre o Miño-Sil e o Limia se «empapen» cos criterios da Directiva Marco da UE sobre a auga (xa ten 12 anos) e da Convención de Ramsar (xa ten 41 anos) e que, en exercicio das súas competencias e obrigas legais, cumpran e fagan cumprir a lexislación vixente. Nada máis, nada menos.