En AVE ata Boborás

Xosé M. Rodríguez M

OURENSE

atinaba en darlle outra volta esta semana ao choio da reclamación que lle fai a igrexa ao Comité Antisida, ademáis doutros apuntamentos sobre o labor nos países africanos e o voluntarismo no ofrecemento a probar os medicamentos contra a pandemia do século XX, mais mudei de opinión na seguridade de que ese diñeiro que lle reclaman ao Comité é vital para as finanzas da igrexa. Logo de ler as informacións sobre a corrupción, prevaricación, contratas amañadas, presupostos falseados para «despistar» diñeiro e outros «pecados» feitos no Vaticano estou convencido de que os cartos que lle reclaman son necesarios para cadrar as contas naquel estado.

O que si me pide o corpo é sumarme ás moitas demandas que vai recollendo o AVE, ou os Avant como lle queiran chamar, e pedir unha parada en Boborás. Se ten que parar na Mezquita, ou na Gudiña, na estación de San Francisco, na estación Empalme, no Carballiño e non sei onde máis porque non vai facelo en Boborás. Que se perde tempo e os percorridos se alongan? e que máis dá, co pracer que supón ir a modo entre as estacións de San Francisco e Empalme, para que a xente non colla o coche e ateigue o tráfico, e logo ir paseniño ata Maside vendo as fragas do Barbantiño e a ponte do camiño real en terras masidás, e logo a Veracruz, para baixar en Xuvencos e irlle comer uns callos á Almuzara. Un manxar. E xa de paso no Irixo, para ir de excursión ao vertedoiro.