Máis de 9.000 persoas visitaron a mostra da Praza Maior
28 nov 2011 . Actualizado a las 06:00 h.A tempada de exposicións anuais entra na súa recta final e unha das mostras do Outono Fotográfico 2011 vai deixar escrita con nome propio a pegada do seu paso por Ourense. Ruth Matilda Anderson. Unha mirada de antano tardou en chegar á cidade por falta dun espazo expositivo propio, máis coa fusión das dúas caixas galegas a proposta orixinaria de Caixa Galicia, agora da man de Novacaixagalicia, xa se ten convertido na mostra co maior afluencia de público deste ano.
Pola sala de Novacaixagalicia na Praza Maior de Ourense levan pasado nun mes, a mostra abríase oficialmente ao público o día 27 de octubro, máis de 9.000 persoas. Aínda que a asistencia é constante ao longo de toda a semana, son as fins de semana as que están rexistrando unha afluencia masiva á sala da Praza Maior por parte dos ourensáns que queren coñecer a Galicia dos anos 20 do pasado século e, máis concretamente, a cidade e a provincia de Ourense.
Aberta ata o 8 de xaneiro
Ruth Matilda Anderson (1893 - 1983) percorreu Galicia en dúas viaxes, entre 1924 e 1926, grazas á Hispanic Society of América, a entidade estadounidense que lle encargou que documentase a vida e a realidade dos pobos galegos. A exposición reúne 285 imaxes seleccionadas por Miguel Anxo Seixas Seoane e Patrick Lenaghan do fondo gardado na Hispanic Society of América. Na colección hai 57 imaxes referidas á provincia e a mostra inclúe apartados temáticos referidos a traxes, paisaxes, cultura, labores, xentes, arquitectura, vilas e aldeas, agricultura e gandeiría, costumes e festas e transportes. A mostra estará en Ourense ata o 8 de xaneiro.