O Simeón amosa as fotografías de Alberto Martí realizadas nos portos
11 nov 2011 . Actualizado a las 11:46 h.Segundo afirmou no seu día Otero Pedrayo «en Galicia temos fartura de despedidas, pois é terra de adeuses». Desa cita tirada do discurso de inauguración do ciclo académico 1954-1955 na Universidade de Santiago de Compostela toma o título a exposición que dende onte se pode visitar no Centro Cultural da Deputación. «Os adeuses» é un proxecto do Consello da Cultura Galega en colaboración co CGAI (Centro Galego das Artes da Imaxe) e a Fundación Barrié sobre o traballo desenvolvido polo fotoxornalista Alberto Martí (A Coruña, 1922).
Entre 1957 e 1963 o fotógrafo tivo como escenarios destacados para realizar o seu traballo a Estación Martíma de A Coruña e o Porto de Vigo. Dende alí «retratou sistematicamente as caras da xente que marchaba e que retornaba da emigración» e unha selección desas imaxes amósase nesta exposición que achega «unha visión inédita daquela epopeia migratoria». José Caruncho, coordenador da mostra, vencella o traballo de Martí co dos documentalistas Walker Evans ou Dorothea Lange.
exposición «os adeuses»