«Hai moi boas ideas pero é imposible levalas adiante»

alba reigada OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Para o próximo curso, a Consellería de Educación ofertará un total 79 ciclos formativos e 124 novas prazas de formación profesional en Ourense. Cristina Pérez, estudante de último ano de produción audiovisual do C.I.F.P A Farixa, aporta a súa visión das posibilidades de emprego.

-¿Confía en conseguir traballo despois de finalizar o ciclo?

-As cousas están complicadas para todos, pero neste sector aínda máis. É certo que nós temos prácticas garantizadas ó rematar e un universitario non o ten tan fácil, pero a situación está mal.

-¿O ensino que se imparte nos ciclos de formación profesional é suficiente?

-Por exemplo na Farixa eu penso que os profesores que hai imparten as clases xenial para os recursos que temos. De Galicia, somos os que menos medios temos pero buscámonos a vida con iguais ou mellores resultados.

-¿Que tipo de proxectos desenvolven no ciclo?

-Pois aprendemos o que é o traballo dun productor que é o que se encarga da loxística, coma se fose un organizador de eventos a gran escala. E este ano eu propuxen unha idea que se seleccionou para facer un documental de creación.

-¿Como se levou a cabo a seleción da idea?

-Fixemos unha exposición das ideas en clase ante un productor e un guionista. A Xes Chapela gustoulle moito e decidiu facer o guión e dirixir o documental, que trata das vivenzas persoais que tiveron os veciños de San Pedro de Pousada, en Verín,cos lobos.

-¿Que tal resultou a rodaxe?

-Grabouse nunha fin de semana, pero a maior parte do material fíxose o sábado. De dúas horas de material a metade é unha comida ó aire libre na que os veciños falan das anécdotas que tiveron con lobos.

-¿Foi fácil obter a financiación?

-Fomos por algúns bares de Ourense que nos deron algo e tamén teño que dicir que o Concello do Riós portouse moi ben e pagounos o transporte e a tamén comida, facilitáronnos moito as cousas.

-¿Van presentar o documental a concursos e certames?

-Imos proxectalo no festival Imos de Curtas que se celebra todos os anos e tamén o presentaremos a varios concursos a ver que pasa .

-¿Como ve a situación do sector audiovisual na provincia de Ourense?

-Aquí a crise complicou moito as cousas, porque a posibilidade de financiar proxectos audiovisuais reduciuse ó mínimo. Hai moi boas ideas pero é imposible levalas adiante pola situación económica na que estamos agora.