Obsolescencia programada

Xosé Lois Carreira

OURENSE

10 ene 2011 . Actualizado a las 02:00 h.

Se non che soa o concepto, esperta, é o top secret do século. Máis ben do século pasado gracias a teima xa alá nos anos corenta da General Motors para que os coches deran problemas. É a cerne mesma do capitalismo salvaxe e do seu brazo armado, ese marabilloso neoliberalismo económico que moitos aínda ten a cara dura de bendicir a pesares do que xa nos ten chovido. E Mariano, Feijoo e Baltar Jr., auténticos ministros da obsolescencia, felices, eles tamén son neocón, es guay, es lo que se lleva y es el ciclo que toca. O do ZP mellor obvialo. O caso é que a tal obsolescencia é un dos grandes exemplos, xunto coas famosas sub-prime, da orixe do colapso do noso modelo produtivo e da crise . Falamos de como deseñar as cousas para que chegado o momento deixen de funcionar, ou sexa, como programar ós seus compoñentes para que se ernaquen e así vernos na obriga impepinable de comprar máis: consumir e consumir. Automóbiles que se estragan pasados uns anos, lámpadas que se funden despois de mil horas de luz, medias de nailon antigamente anunciadas como irrompibles agora precisan curso de manipulador, impresoras dotadas cun chip que as inutiliza chegadas ás 30.000 páxinas... É incrible que isto sexa legal e calquera que pense que un planeta finito, con recursos finitos, pode estar sometido a un modelo de consumo infinito e baseado na esquilma deses recursos, ou é un tolo, ou é un economista desapiadado neocón, ou ámbalas dúas cousas. O peor da foto finish da obsolescencia programada é que xa foi quen ata de modificar tratados internacionais que no seu día prohibiron o tráfico dos seus mega-residuos cara ó terceiro mundo para que, previa nova declaración como materiais de segunda man e non residuos, os restos desa impresora retirada polo deñado capitalismo rematen no vertedoiro de lixo informático máis grande do mundo, Ghana. Se non mudamos este modelo produtivo pola nosa máxima galega do mínimo esforzo necesario co máximo rendemento, precisaremos 20 planetas Terra para encher a gula consumista dunha soa xeración neocón máis.