Queda todo un 2011 por adiante

Xosé Lois Carreira

OURENSE

E os tempos están cambiando, bramaba Dylan xa nos setenta do século pasado, aquel tempo no que recibimos o regalo da vida moitos dos que neste ano estrearemos corentena. A metade do servido pola metade do comido, se as coronarias van ben. Cambian os tempos e semella que nesta última xeira estamos a ser testemuñas privilexiadas en butaca de palco principal, estamos a ver en directo e en prime time a caída diso que os gurús occidentais, brancos, masculinos e heterosexuais, bautizaron como a sociedade do benestar. E isto non se ve todos os días.

En 2008 ilustráronnos a todo quisque co que viña sendo un ERE, preludio do peche de grandes empresas ata entón máis que solventes. En 2009 dixéronnos que se botaban o cerroullo a grandes empresas a quebra técnica estaba tamén servida para as intocables financeiras e multinacionais, cousas seica da globalización. E no coitado 2010 fixéronnos apandar co crac mesmo de países soberanos, aí é todo e aí é nada, rescatados in extremis polo abafado socorro dunha vella Europa que lle está a custar sangue, suor e bágoas xermanas a nova zona euro para roer iso de que os tempos están cambiando. E mira que complicamos as cousas, mira que enzoufamos a vida, a política, a sociedade... Co sinxelo que é aquilo de Groucho de que a clave do éxito é a honestidade, se podes evitala, está todo feito; coa facilidade que podemos constatar ó longo destes últimos anos que non hai proxecto posible se deixamos de ser honestos, se renunciamos ós principios, se nos resignamos, se claudicamos ante esta percutiva e moitas veces lesiva realidade que nos toca ripar; a nós, se é que ao fin tomamos conciencia de nós e queremos deixar as cousas só un pouco mellor do que as recibimos, miuda encomenda. Os tempos están cambiando e como mensaxeou o bo amigo Amador, queda todo un 2011 por adiante para construír o noso futuro con dignidade, xa que é o único xeito de sermos xulgados coa mínima garantía procesual. Feliz 2011.