A empregada despedida culpa ao rexedor de Ourense de ter sumida a cidade nun caos e de facer un «falso socialismo»
04 nov 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Nerviosa. Con sentimentos enfrontados, Adelina Basteiro sábese o centro de todas as miradas. O seu despido por «baixo rendemento» cando figuraba nas listas da CIG para as eleccións sindicais da empresa Ecourense desembocou, despois dun mes de confrontacións, na folga que ten a cidade de Ourense repleta de lixo. Os seus dardos envelenados resérvanse para o xerente de Ecourense, Juan Pérez, pero tamén censura con firmeza ao alcalde.
-¿Como se sinte?
-Teño sentimentos enfrontados. De confusión e case en ocasións de abandono.
-¿Cales cre que foron as causas do seu despido?
-O xerente da empresa persoalmente non me deu ningún. Só recibín a mala educación no momento do despido, xa que me dixo que recollera as cousas e que me fora en media hora.
-Centran parte das súas críticas no alcalde, ¿por que?
-Non, eu non centro as miñas críticas no alcalde.
-Os seus compañeiros si que o fan.
-Neste caso, todos os políticos da dereita e da esquerda dixeron que non estaban de acordo co despido. Entón, o alcalde ten culpa neste sentido. El di que un problema unilateral non pode ter así a cidade, pero eu non me explico como un problema unilateral que se chama Juan Pérez (xerente de Ecourense) pode ter así a cidade.
-¿Que lle diría aos cidadáns que están a sufrir a folga e non entenden os motivos?
-Aos cidadáns dígolles que sinto moito a mala información que teñen.
-Facía referencia na concentración da praza Maior a que e nacionalista, ¿cre que o seu despido é ideolóxico?
-A única man negra desta folga está na chapuza de nomear como xerente a unha persoa sen educación. Casualmente a anterior empresa, que estaba vinculada á dereita, nunca me despediu e sempre me mantivo por ser traballadora. Agora é unha empresa supostamente dirixida por un falso vestido socialista a que me despide, aínda que si iso é socialismo eu son Santa Teresita.