Cando os nomes non cadran

David R. Seoane OURENSE/LA VOZ.

OURENSE

Moitas localidades da provincia non empregan a súa denominación correcta por mor dos erros e das confusións que se atopan na sinalización disposta pola administración

03 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Espallados polas estradas e polos camiños que comunican as diferentes cidades, vilas e aldeas da provincia atópanse centos e centos de carteis de sinalización que indican o nome toponímico co que se coñecen os seus núcleos de poboación. Moitos deles non empregan o uso oficial recollido na Lei de normalización lingüística (Lei 3/1983, do 15 de xuño). Erros e confusións, moito máis habituais do que cunha ollada sinxela se pode albiscar, que empobrecen e dilapidan un dos máis grandes tesouros da cultura e da etnografía galega: a toponimia. Neste eido, Galicia é unha das comunidades españolas que ten unha maior riqueza en termos nominativos de entidades de poboación.

Recentemente, a preocupación polo coidado desta parte do patrimonio lingüístico galego volveu á primeira liña da actualidade a raíz da denuncia do BNG, no Senado, contra ao Ministerio de Cultura por non respetar na súa páxina web a toponimia oficial galega. Este espacio dixital gubernamental recolle «barbaridades», tal e como calificou o senador limiao Xosé Manuel Pérez Bouza, da talla de Junquera de Ambía (Xunqueira de Ambía), El Bollo (O Bolo) ou Villanueva de Arosa (Vilanova de Arousa).

Vacilación entre «b» e «v»

Casos, de «descoidos» na toponimia, hai moitos só na provincia de Ourense pero, se cadra, as vacilacións entre «b» e «v» que se poden ver en moitos sinais chantados nas marxes das estradas, son algúns dos máis significativos e rechamantes.

Un exemplo clásico é o nome de Lobios. A pesares de aparecer con «v» nalgúns letreiros e ata nos panos de mesa dalgunhas cafeterías da vila a súa etimoloxía correcta é con «b», segundo indica a Comisión de Toponimia da Xunta. Ao parecer, este topónimo procede da voz xermánica laubja que significa «enramada» ou «alpendre». Trátase dunha nomenclatura que abonda no noroeste hispano aínda que en Portugal aparece escrito como Loivo, de aí que poida existir a confusión de grafías.

Outro caso semellante é o de Trasalba. Neste exemplo tamén a etimoloxía nos leva ata o «b» coma ortografía correcta. Xa que este é un topónimo situacional, claramente formado pola preposición tras- máis o adxectivo latino albus que significaba «branco». Mais neste caso hai que remontar o orixe de -alba ata unha raíz preindoeuropea, alp/alb, co valor de «altura» ou «monte». De todos os xeitos, a hipótese máis común entre os expertos para a motivación deste nome apunta un lugar que se atopaba detrás de algo de cor branca.

Por último, tamén se pode facer referencia á ambigüidade da escritura exacta do nome que leva a aldea carballiñesa de San Fiz do Barón. A opción máis axeitada, e recollida así oficialmente, é que sexa con «b» se entendemos que o seu étimo poida ter que ver o título nobiliario de barón, inmediatamente inferior ao de vizconde, e que este fose o propietario das terras onde se asentou a aldea. Para ser como «v» habería que buscar súa a orixe nun aumentativo de «vara», algo que a todas luces semella pouco probable ou na solución defendida polo profesor Gerardo Sacau que di que o nome ven do termo latino varus, alcume que significaría «paticorto».

Sexa como sexa, o certo é que en Ourense e en Galicia enteira hai espalladas miles de xoias toponímicas que paga a pena pulir e conservar para sempre.