Calquera decisión que se tome no marco da actividade política está por natureza vencellada á polémica a pouco que se queira forzar a máquina do xogo ideolóxico. No Carballiño a iniciativa de engadir á tradicional Festa do Polbo un elemento de homenaxe ou recoñecemento non estivo precisamente exenta de polémica. A oportunidade foi un valor engadido ao aliarse as circunstancias políticas, como cando foron as revoltas en Panamá, ou históricas, como tamén foi un punto de conflicto e crítica a decisión de adicalo a determinados países, colectivos ou autonomías.
Unha circunstancia histórica, a referida ás polémicas polas decisións anuais de adicar a Festa do Polbo, que non tivo en ningún intre a máis mínima fenda por onde entrar no acordo deste ano de teatro xacobeo que se prestaba a caer na tentación: O Carballiño decidiu mirarse no espello, gabarse da súa historia e proclamar que a Festa do Polbo 2010 estaría adicada á comunidade cisterciense de Oseira. Nesa altura a vila recoñeceu a débeda secular que mantén co que en tempos foi o grande centro de poder da Serra Martiñá e con aqueles vellos muros de pedra que en tempos foron fin do camiño para as mercadorías que chegaban dos cotos sobre os que impoñía lei a abadía e onde chegaban, entre outros, aqueles polbos que comenzaron a ser elemento fundamental da vida dos veciños da zona logo de pasar polos secadeiros.
Grazas á próxima Festa do Polbo a vila do Carballiño estará máis vencellada a Oseira e pode que os monxes das terras de Cea, dentro da privacidade que marca o día a día da comunidade, teñan naquel pequeno núcleo ao que hai séculos concederon a facultade de celebrar feira un dos seus principais valedores. En todo caso como sexa o devalar da historia é un feito secundario, o verdadeiramente importante é que O Carballiño salda con esta decisión unha débeda histórica coa comunidade cisterciense de Oseira.