Hai persoas que non deixan indiferente a ninguén e que están sempre baixo a atenta mirada dos cidadáns, adquirindo as súas opinións ou posicionamentos unha repercusión que nada ten que ver coa do común dos mortais. Para ben ou para mal, ou ás veces con valoracións ou percepcións non compartidas -Saramago sempre retrucaba aos seus críticos que el non era un pesimista, ao contrario era un «optimista ben informado»-. Nesta categoría de cidadáns está por dereito propio Adolfo Domínguez, que tan ben consigue alporizar a uns coas súas opinións sobre a reforma laboral como aparece de abandeirado das causas ecoloxistas e da sostenibilidade. De feito onte, na xuntanza de accionistas da empresa que leva o seu nome, ergueu o compromiso na defensa dos animais e da natureza e fixo público o seu desexo de que a actividade de AD sexa sostible e minimizar o impacto no entorno.
Tamén amosou cintura na cita da Tecnópole e que mantén uns bos refrexos e axilidade dialéctica. Aconteceu cando un pequeno accionista se converteu no centro desa abrumadora liorta de antagónicos na que o débil lle rifa ao poderoso cando non lle queda outra que erguer a palabra como todo argumento. Cuestionou a atención nas tendas que levan o logotipo de AD, as remuneracións dos integrantes do consello de administración, o custe das tendas e outros aspectos da actividade da empresa. Dende a serenidade que aporta verse metido en variadas liortas, moitas delas sen procuralas, e dende a vella militancia franciscana o empresario-deseñador-novelista recoñeceulle ao seu accionista a desolación que lle orixinan certas críticas ao funcionamento da empresa e defendeu a humildade do seu equipo. Con esa mestría que aportan as tempadas e coleccións vividas, o creador lanzou un reto: quedar co seu accionista crítico para intercambiar opinións. ¿Cumprirá a súa promesa?