O terceiro tempo

Luis Martínez-Risco

OURENSE

Os que gostan do rugby saben de que estou a falar. Rematado o partido os xogadores de ambos equipos, pasara o que pasara, cean xuntos e no convivio esvaecen as tensións. Certo que estamos a falar dun deporte que ten unha alta carga amateur, no que buscando o triunfo non é infrecuente atopar a derrota. Mais ese terceiro tempo ten unha forte carga psicolóxica que se traslada aos siareiros, nos que se asume o resultado con elegante deportividade. Nin choros, nin leas, nin ledicia desbordante que poida ofender ao contrario. Saber gañar e saber perder. Unha filosofía, recoñezámolo, que pouco ten que ver coa do hooligan.

Descoñezo as interioridades da política australiana ou neozelandesa, onde, polo visto, ter xogado ao rugby é un activo para os dirixentes políticos. Queremos crer que a falta de imaxes con fortes enfrontamentos entre políticos australes, poida ser debido a esa filosofía do do terceiro tempo aprendida na práctica deportiva. Saber gañar e saber perder. Administrar con sabia humildade a vitoria e a derrota. A actitude de Andrés García Mata o pasado sábado tras coñecer os resultados, o honra. Somentes cómpre que, entre todos, sexamos quen de xogar o terceiro tempo.