Oonanismo dos novos tempos é a Internet. Salvando as virtudes infinitas da Rede e perseverando na reflexión, ese hábito tan laminado, pretendo descubrir as razóns polas que algúns fan da Internet un muladar inmundo, barro por barro. O primeiro motivo é a infelicidade: os seres felices non se dedican a inxuriar na Rede a aqueles que non resultan gratos. Dous: a estupidez. Un estúpido considera a súa intelixencia como bastión inexpugnable cando é capaz de redactar, sen argumentos, as súas consideracións. Tres: a falta dunha vida sexual saudable (sabendo, como sabemos, que o onanismo é un substitutivo eficaz da falta de relacións afectivas). Catro: a envexa. Cinco: a impotencia intelectual (que tamén pode estar relacionada co punto tres). Hai máis motivos, pero un non pode gastar unha columna en categorizar aos onanistas do novo milenio. Pensan que son importantes e transcendentes, que as súas opinións chegan a todas partes e que gozan de prestixio e relevancia social. Equivócanse. A Internet ten cada vez menos prestixio. Incluso máis, podo afirmar que o común dos mortais acostuma a crer que o publicado en foros (os inxuriosos e maledicentes) carece de pertinencia e importancia real. Negan a verdade por si mesmos. Encaracólanse na propia sucidade e intentan lacerar aos que pretendidamente son os seus inimigos. Eu pido ás miñas amizades que non me envíen recortes da Internet. Pido que non me remitan noticias que non sexan fiables. Quero dicir que podo fiarme do que sae publicado a diario en La Voz, pero fiarme do que notician individuos escuros paréceme propio da estulticia máis solemne. Tampouco se fíen vostedes daqueles que fan, ambiciosos de fama, da controversia con outros o seu modo de afirmarse: só buscan acadar algo do prestixio daqueles aos que atacan. Estes onanistas non son felices, dixen no punto primeiro deste argumentario. Pobres.