A Miteu continuou onte coa súa actividade a pesares da dor que provocou na organización o pasamento de Begoña Muñoz
19 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Cunha organización derrotada e esgazada pola dor do pasamento de Begoña Muñoz, compañeira de Sarabela que finaba na noite do sábado logo de sofrir un desvanecemento cando estaba paseando polo monte, a Miteu mantivo onte o seu compromiso co teatro e cos ourensáns. Suspendéronse as sesións do Auditorio en memoria de Begoña Muñoz por ser un colectivo, a Aula Universitaria de Teatro Infantil de Ourense, «ao que ela estaba vencellada», como lembraba o director da Miteu, Fernando Dacosta, aínda que se mantivo a representación do Teatro Principal, como recoñecía un abatido Dacosta «porque a compañía está aquí e hai que manter os compromisos cos actores e co público».
A dor polo pasamento de Begoña Muñoz engádese aos problemas e atrancos que debe superar a Miteu nos últimos días: algún grupo non da chegado por mor dos problemas que está causando a chuvia de cinza provocada polo volcán de Islandia e os compoñentes da compañía de Costa de Marfil non dan conseguido viaxe para voltar ao seu país de orixe.