Que mágoa! O que algúns ourensáns supoñíamos iba ocurrir ao gañar o PP as eleccións, hai agora pouco máis dun ano, fíxose realidade. Estoume a referir á defunción dun deses proxectos chamados a facer realidade o despegue socioeconómico da nosa provincia, que nos dera a faciana de modernidade e prosperidade das cousas ben pensadas e feitas con visión de futuro. E para que non duren unha lexislatura, deben ser pensadas por políticos de altas miras e paridas por técnicos rigurosos, que pensen máis no porvir das vindeiras xeracións que no voto das próximas eleccións. Estoume a referir ao proxecto do Val da Rabeda.
Os que tivemos a sorte de estar a carón dos que deseñaron este proxecto sentimos que por fin, alguén pensou en Ourense con maiúsculas. Permítanme que faga unha breve reseña do mesmo ca venia dos seus autores. O Val da Rabeda, ubicado a cabalo dos concellos de Paderne, Taboadela, Allariz e San Cibrao das Viñas, comprendía amplos e modernos parques empresariais convivindo armonicamente con zonas residenciais, de servizos, dotacionais e verdes; onde o mundo rural coabitaba co urbán de xeito equilibrado. O desenvolvemento deste macroproxecto levaríase a cabo por etapas. Nunha primeira fase, desenvolveríanse os polígonos de Paderne e Taboadela, dun millón de metros cadrados cada un, e rehabilitaríanse vivendas unifamiliares nun total de doce núcleos de poboación dos catro concellos do ámbito de actuación. Na segunda fase executaríanse outros dous parques de dimensións similares aos anteriores. Destes catro polígonos, un estaría especializado no sector textil e outro no sector agroindustrial, pola importancia que ambas actividades teñen na economía da provincia. Ao mesmo tempo, construiríanse de xeito progresivo, en función da demanda social, ata un total de 1.200 vivendas.
Se houbera esa amplitude de miras a ninguén se lle ocurriría dicir que estamos diante dunha actuación mal prantexada, con deficiencias e sin sentido, cando foi concebida por grandes profesionais de recoñecido prestixio internacional, que colocan a Galicia no «mundo mundial», como diría Manolito Gafotas.
Os responsables políticos que hoxe nos gobernan na Xunta de Galicia estimaron que Ourense non merece unha inversión deste calibre, pero sí consideraron que se debía seguir investindo no famoso mausoleo da Cidade da Cultura. ¡Xa me dirán vostedes! Non sirve que nos digan que estamos en crise e temos que aforrar, ¡xa o sabemos!, ¡ninguén di o contrario! Non se esquezan que a Administración ten a obriga de administrar e priorizar, con máis celo se cabe, cando estamos a falar de bens escasos. Díganme vostedes: ¿que é máis necesario a Cidade da Cultura ou un proxecto destas características?.