O grupo que dirixe, e outros oito, participan esta noite nun concerto solidario con Haití na capital valdeorresa
11 mar 2010 . Actualizado a las 02:00 h.O Concello valdeorrés organizou para esta noite un concerto solidario con Haití no que participarán nove agrupacións musicais da localidade. E no medio do conto anda Manuel Prada (O Barco, 1970), director da banda de gaitas, o grupo de saxofóns e a banda de música, que actuarán a partires das 20.30 horas no pavillón de Calabagueiros. Farano xunto aos grupos Ad Libitum, Anxo Rei, os coros de grado elemental e medio do conservatorio, o Orfeón Valdeorrés, Son do Sil e o malabarista Guti (finalista do programa Tú sí que vales).
-É de supoñer que xa terán os temas escollidos.
-Abrirá a banda de gaitas, que interpretará Vals Caíches e Foliada de Lonxe, primeiro; e dúas rumbas despois. O grupo de saxofóns interpretará In the mood e un adagio do concerto de Aranjuez coa marcha turca de Mozart. E a banda de música presentará Alma Llanera e El Tiemblo. Cada grupo tocará dous temas, e despois pecharemos todos xuntos.
-¿Todos xuntos?
-Si. Farémolo interpretando o tema de Michael Jackson e Lionel Richie, We are the world, cun arranxo feito por min para as catro formacións. É unha versión da canción, e ese será o broche final do concerto.
-A sorpresa final...
-Sorpresa vai ser todo, porque a xente non sabe o que vai pasar aquí (ri).
-¿Levan moito tempo ensaiando para esta noite?
-A verdade é que non, porque son pezas xa preparadas, que forman parte do noso repertorio. Salvo o tema de Michael Jackson, claro, que ao ser novo, precísao. É certo que cando hai unha actuación sempre se ensaia un pouco máis, pero vén todo feito de atrás.
-É unha oportunidade de ver aos alumnos da escola de música.
-No inverno temos concertos e audicións trimestrais, temos movemento. Pero esta é unha idea que xurdiu do propio Concello e á que nós enseguida dixemos que si. Cando se prantexa un acto benéfico, evidentemente, estamos encantados de colaborar.
-E así pasou con todos os grupos...
-Xuntar a nove agrupacións é un follón tremendo, pero todo o mundo está colaborando de maneira altruísta, incluso a empresa que pon o son e os palcos.
-¿E como vai a venda de entradas?
-Nin idea. Escoito o que falan os rapaces, que din que se venderon sobre 2.000 entradas, pero a verdade é que nin me preocupei.
-Adivíñase certo revuelo entre os rapaces con isto dun concerto multitudinario.
-Revolucionados desde logo, porque todo o mundo quere colaborar. E iso que nós actuamos con certa frecuencia, pero dá a sensación de que, ao haber máis agrupacións, é un tema especial... E todos os rapaces queren participar, incluso algúns que xa non estaban nos grupos.