O día 17 de febreiro, mércores de cinza, a Igrexa inicia o tempo da Coresma cunha forte chamada a penitencia e a conversión de tódolos cristiáns, significada polo rito da imposición da cinza e coa invitación a «converterse e crer no Evanxeo».
Pero, ¿quedan aínda cristiáns para vivir este tempo de oración e recollemento? Segundo o barómetro do CIS, tres de cada catro españois séntense católicos (ó redor de 35 millóns). Dinos tamén que ó redor do 15 por cento destes van a misa varias veces no ano (ó redor de 5 millóns). Afirma que ó redor de 4 millóns van a misa case que tódolos domingos e festivos e que o 2,4 por cento dos que se senten católicos van a misa varias veces na semana (ó redor de 700. 000).
En verdade, é pouca a xente que practica a súa fe. Pero, comparados con grupos, asociacións ou partidos políticos, temos que dicir que son moitos os que, a pesar de todo, se senten e practican. A todos estes chegaralles a mensaxe coresmal: «Tempo de xaxún, de penitencia, de máis oración, de conversión».
O Papa, Benedicto XVI, dinos que «a xustiza de Deus non é a xustiza dos homes». «Dar a cada quen o seu» pódese regular por lei humana, pero a persoa precisa de algo máis; o ser humano vive «do amor que só Deus pode garantir». «Converterse a Cristo significa saír da autosuficiencia para sentir a necesidade que temos dos demais e, sobre todo, de Deus; necesidade do seu perdón e da súa amizade». ¡Que o tempo da Coresma nos axude a acadar a misericordia divina e a vivir a solidariedade fraterna!