Cantar os reis

Luís Martínez-Risco Daviña

OURENSE

Non creo que as tradicións deban morrer, tampouco as do ciclo do Nadal. Días atrás lin que na República Checa estaban a reivindicar a festividade dos Reis Magos, os de Oriente, como algo propio fronte a invasión, que aquí tamén sufrimos, de Santa Claus -Papa Noel- nos seus aspectos máis consumistas. E non creo que se trate dunha reivindicación que teña as ocultas e perversas pretensións de restaurar o antigo Reino de Bohemia. Máis ben se trata, penso eu, de reafirmar o propio nun mundo que de tanto globalizar uniformiza e aculturiza. Cada cinco de xaneiro, na tarde noite, déixome sorprender, ano tras ano, pola multitudinaria asistencia ás cabalgatas. Mantense unha parte da tradición. Mais boto en falla o costume dos nenos, e non tan nenos, de ir cantar os reis. Como coa festa dos maios, pediría facer un esforzo por recuperalo. E por favor, que ninguén pense que se trata de nostalxia monárquica. Mais se do que se trata é de incentivar o consumo dende datas máis temperás, adoptemos o San Nicolás e comecemos xa o seis de decembro.