Cartelle contará cunha fundación para manter o legado e divulgar a obra do cineasta e intelectual Carlos Velo

La Voz

OURENSE

Carlos Velo no Carballiño en 1985, ano no que o homenaxearon as Xociviga
Carlos Velo no Carballiño en 1985, ano no que o homenaxearon as Xociviga

12 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Un dos cineastas e intelectuais máis recoñecidos do exilio galego, Carlos Velo, terá unha fundación na súa vila natal de Cartelle. Finalmente, e logo dun proceso que se foi adiando nos anos e que foi liderado pola alcaldesa Carmen Leyte, as xestións para facer realidade a fundación xa se atopan no seu tramo final e hai un compromiso institucional para poñer a andar este organismo.

Carlos Velo Cobelas (Pereiros, Cartelle, 1.909 - Ciudad de México, México, 1988) comezou a súa relación co cine, segundo lembra Miguel Anxo Fernández na entrada referida a Velo no Diccionario do Cine en Galicia. 1.896 - 2.000 (Xunta de Galicia, 2.001), cando era un estudiante de bacharelato en Ourense na compaña de Xaquín Lorenzo e Augusto Pacheco. Na cidade, onde se graduou como mestre, frecuentou as aulas de Otero Pedrayo e Vicente Risco. En Madrid licénciase en Ciencias Naturais e entre 1933 e 1935 exerce de profesor auxiliar na universidade de Madrid. A guerra civil española motivou o seu exilio en México, país ao que chegou en 1.939 e no que se consolidou profesionalmente como director de cine e documentalista.

De «Galicia» a «Pedro Páramo»

A Carlos Velo a guerra civil tronzoulle unha prometedora carreira como documentalista que xa estaba patente en traballos como Almadrabas, Galicia (o documental de 1.936 do que só se levan recuperado partes), ou o Romancero Marroquí (1.938). Xa establecido en México desenvolve os proxectos que lle merecían recoñecemento internacional: encárgase da dirección do Noticiero Mexicano Ema, pon en marcha a película Raíces, que recibe un importante premio en Cannes e da que Velo é autor a pesares de non figurar como tal por problemas co sindicato audiovisual mexicano, dirixe películas que lle dan prestixio internacional, como Pedro Páramo ou Torero, e ademais de colaborar con directores como Buñuel, ao que coñecía da súa etapa en Madrid, participa no proxecto Vieiros en colaboración con outros exiliados galeguistas como Soto e Delgado Gurriarán.

Coa posta en marcha da autonomía Carlos Velo recupera a relación con Galicia, que xa tivera un primeiro apartado nas Xornadas de Cine de Ourense da década dos 70.

Premiado pola Xunta

En 1.983 foi recoñecida a súa traxectoria co premio Mestre Mateo da Xunta de Galicia e dous anos despois, en 1.985, foi homenaxeado nas Xornadas de Cine e Vídeo, Xociviga, do Carballiño.