O Centro de Cultura Popular do Limia presentará hoxe na casa da Cultura de Xinzo o número 9 da revista Lethes, ás 20.30 horas. Nesta ocasión o volume conta con unha diversidade de traballos entre eles unha mostra dos encalados decorativos no contorno da Lagoa de Antela, os beneficios eclesiásticos do Arcediagado da Limia sen esquecer os dominios do mosteiro cisterciense de Montederramo. Faise tamén un recordo para o colexio Santa Mariña e outro para as memorias no río. A flora da comarca así como as obras da nova arquitectura nos seus municipios son outros asuntos con espazo neste número de Lethes . Un dos traballos que tamén sorprenden é o dun prego de cordel descoñecido sobre o caso de Manuel Blanco Romasanta ou o home do unto. Tamén se dedican algunhas páxinas a amosar unha pequena biografía do novo beato da Igrexa, José Blanco Salgado, nacido na parroquia de Ganade un 10 de novembro de 1892, foi coadxutor salesiano e morreu en Andalucía, ao seren el e seus compañeiros tiroteados na rúa por milicianos desde os balcóns. Conseguiu, malferido, refuxiarse nun edificio onde se desangrou sen ter axuda de nin unha sola persoa e morrendo ós poucos minutos.