«Non sei cal era o programa da viaxe, pero non están os tempos para derrochar diñeiro público»

Antonio Nespereira

OURENSE

Marta Arribas decidiu abandonar a súa responsabilidade como concelleira de Termalismo aínda que mantén as delegacións de Igualdade, Xuventude e Voluntariado. As discrepancias co tenente de alcalde, Alexandre Sánchez Vidal, eran evidentes. O luns comunicou a súa decisión persoalmente ao alcalde minutos despois de anunciar a súa decisión aos compañeiros do grupo do BNG.

-¿Por que tomou a decisión de dimitir?

-Son pasos persoais que se toman despois dunha reflexión grande. Non son decisión que se toman a lixeira. Penso que é o mellor para min como persoa pero tamén para o grupo municipal que represento. Non quero prexudicar a ninguén.

-¿Era imprescindible dada a situación que vostede estaba vivindo dentro do grupo municipal?

-Eu non utilizaría a palabra imprescindible. Non quero facer disto unha causa fóra do común.

-¿Foi o detonante que vostede non fose a viaxe destes días?

-En absoluto. Quen me coñeza sabe que non son unha persoa caprichosa. Pola contra, sempre quixen permanecer nun plano discreto sen prexudicar a ninguén. Eu podo viaxar a Baden Baden sola ou con quen sexa cando o considere oportuno.

-¿Son malas as relacións no grupo do BNG?

-Como en calquera grupo ou familia hai diferenzas, pero sempre chegamos a acordos e non ten pasado nada.

-¿Queda aberta unha ferida no grupo do BNG?

-Non hai que velo así. Hai que velo como unha decisión persoal dunha concelleira que vai a seguir sendo fiel ao seu traballo, a institución á que representa e aos cidadáns.

-¿Era necesario gastar 19.500 euros na viaxe para ver balnearios?

-Non o podo dicir porque non sei cal era o programa da viaxe, pero non creo que se derrocharan os cartos. Non están os tempos para derrochar diñeiro público. Me consta que os compañeiros non fixeron ningún derroche.

-¿Seguirá mantendo a disciplina do BNG e os pactos de goberno?

-Iso de disciplina xa é unha palabra que na actualidade non me gusta utilizar nin a título persoal. Eu serei fiel ós cidadáns de Ourense porque son unha concelleira electa.

-O tenente de alcalde, Alexandre Sánchez Vidal é un lastre para o BNG nestes momentos?

-Non creo que sexa un lastre, nin moito menos. O tenente de alcalde, igual que o alcalde ou o resto de concelleiros fan o que eles estiman que é o correcto. Estamos nun goberno bipartito que pretende xestionar os intereses da cidade de Ourense.