A revolución da madeira

OURENSE

Alfonso Pérez e as súas fillas Beatriz e Ana Pérez Puentes lideran a elaboración de todo tipo de materiais dende as firmas Maderas Cordeiro e Molduras Ourense

29 mar 2009 . Actualizado a las 03:00 h.

Aínda que o proxecto empresarial de Molduras Ourense, ubicado en Vilamarín, é unha iniciativa que só conta cunha década de existencia, o certo é que detrás desta firma hai toda unha vida de tradición familiar vencellada ao mundo da madeira e do sector forestal. Tanto é así que Beatriz e Ana Isabel, as novas incorporacións ao proxecto familiar-empresarial, representan a terceira xeración dunha forma de traballar que evolucionou dende a corta no monte e a venda á que se adicaba o seu avó ata a produción de molduras, tarimas, trabes, listóns e calquera outro material para a construción e a rehabilitación coa máis moderna tecnoloxía e con madeiras procedentes de varios continentes.

De Ourense a Rivela

Dende a altura dos seus 52 anos Alfonso Pérez Iglesias leva toda a vida na madeira «empecei con 18 anos. Meu pai xa se adicaba ao sector e montamos a empresa Maderas Cordeiro en Ourense -xunto co seu pai e o seu irmán, hoxendía propietario de Maderas Rías Baixas- e despois cambiámonos para Rivela. E aquí levamos 10 anos e compaxinamos o traballo que desenvolvemos coas dúas empresas» e asistiu á evolución da actividade «as cousas mudaron moito e hoxe os procesos son totalmente diferentes: na actualidade consigues o aproveitamento do 100% dun tronco que sacas do monte, cousa que antes non se podía facer. Na actualidade colles as madeiras, por pequenas que sexan, cólanse, transfórmanse e como está todo automatizado dás feito produtos e materiais que antes era imposible elaborar».

Tamén mudaron os tempos da man dunha realidade máis globalizada «hoxe mercas madeira en Brasil, en Estados Unidos, en África, nos países do Este de Europa e noutros lugares» e a dimensión empresarial, de feito Alfonso Pérez lembra que «o 60%, como mínimo, do que nos producimos vai para a construción, sexa nova ou restauración, e exportamos moito para Portugal porque temos un gran mercado alí dende mediados dos 80».

Calidade e certificacións

Aínda que formada como enxeñeira de telecomunicacións, Beatriz Pérez Puentes incorporouse á empresa familiar, considerando que «este é un sector atractivo, polo produto que se fai e pola xestión que iso conleva. É un traballo moi apaixoante, atractivo e bonito e, daquela, ten unha motivación especial». As dúas empresas contan con certificación de calidade e Beatriz é a responsable de avaliar a orixe das madeiras -que procedan de talas controladas, «Brasil era o único país con problemas nese aspecto»- e do aproveitamento das mesmas. Neste punto coincide con seu pai en que as empresas madeireiras son os mellores ecoloxistas «porque buscan conseguir un aproveitamento ao 100% cos novos procesos». A súa irmá, Ana Isabel, asume o relevo xeracional con forza: «hai cousas que cambiar, outras hai que seguir con elas, os tempos que corren son difíciles pero hai moito traballo por diante». O pai reforza o argumento dende a experiencia -«antes cambiábanse as couas unha vez na vida e agora unha vez ao ano»- e fai un recoñecemento expreso a María José Conde, que leva 23 anos na empresa, ao asegurar que «é como se fora a miña cuarta filla, leva toda a vida traballando na empresa conmigo».