López Vidal defende o compromiso do bipartito con Ourense e di que quedou demostrado coa eliminación do peaxe
26 feb 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Pablo López Vidal leva en política desde o ano 89. Defínise como un profesional da nesta ocupación pero desde o punto de vista do servizo os cidadáns. Asegura estar plenamente identificado co proxecto de Manuel Vázquez, o cabeza de lista, e di que o compromiso do goberno coa provincia de Ourense nestes últimos catro anos quedou plenamente demostrado.
-¿Como está a vivir esta campaña a candidatura ourensá do PSOE?
-Estamos vivindo unha campaña moi intensa e estou descubrindo que con Pachi comparto unha escala de valores, somos apaixonados da política e estamos entregados a esta provincia.
-¿Foron bos estes últimos catro anos para a provincia de Ourense?
-Ourense tivo un goberno co presidente á cabeza e con Pachi en segundo lugar que ten interiorizado que hai que apostar polo reequilibrio territorial. O milagre da hemodinámica é moi simbólico porque os burócratas dicían que a Ourense non lles correspondía e houbo que dar moita batalla. Ademais, o tema da peaxe son moitos millóns de euros dunha medida de discriminación positiva para os nosos cidadáns e sobre todo para que ás mercancías lles sexa menos custoso competir coa costa. E non so iso, que se veñan a instalar empresas como T-Solar ó parque tecnolóxico supón unha decisión de compromiso de país, porque podía ir a Ferrol, que por aí ían os tiros.
-¿Cometeu algún erro o bipartito?
-O único problema que lle vexo é que dedicámonos moito á xestión, porque isto era unha leira e había que empezar a sementar e a regar, e non a vender os logros que se ían conseguindo.
-¿Pensa que se tomaron as medidas oportunas contra a crise?
-Non só iso, senón que fomos os primeiros en tomalas. Xa polo mes de febreiro do ano 2008 se puxo en marcha un plan de obra pública por un importe de máis de 1.300 millóns de euros. Isto, sumado o plan de Zapatero, non só é pola obra, senón tamén pola creación de emprego, que é a nosa preocupación máis importante. Ademais se deron axudas as familias para os libros de texto ou para comprar ordenadores e o Igape axudou a máis de 1.300 empresas, algo que non é casual, é porque se cree nesta provincia e nas súas potencialidades.
-Perol, a pesar de todo, o paro segue a aumentar en Ourense.
-É verdade que estamos vivindo unha crise económica sen precedentes, pero a xente ten que pensar quen foron os que orixinaron esta crise, os avariciosos, os cobizosos, e esa xente non pensa como pensamos nós, están do lado da dereita máis rancia, como un «paxaro» que marchou voando para as Illas Caimán.
-¿Cree que é compatible a loita contra a crise cos gastos en San Caetano ou no coche de Touriño?
-O di moi ben Pachi nos mítines. Hai unha rifa en San Caetano para que o que encontre a silla dos 3.000 euros danlle un millón de pesetas. Non é certo o que se está a dicir, estanse facendo obras porque facían falta e son nunhas dependencias da administración pública, que hoxe son dun presidente e mañá de outro. O mesmo co coche de Touriño, que ten un blindaxe porque é para a súa seguridade e que tamén quedará para o presidente que saia. Facer política coa seguridade da xente é rastreiro.
-Soe culparse ós deputados ourensáns de PSOE e BNG de non defender a súa provincia no Parlamento por falta de independencia, ¿é certo?
-No Parlamento de Galicia as cuestións se prantexan cun enfoque de país e non podes ir con alí co problemiña do teu curruncho ou da túa parroquia como o PP. As pequenas cacicadas non teñen cabida co novo espírito que se tratou de infundir no Parlamento. Ademais algunha cuestión eran caprichos e agora teñen que acostumarse a que somos nós os que decidimos o que é mellor para a provincia.
-Dise que a campaña na provincia de Ourense está a ser das máis sucias que se recordan, ¿está de acordo con esta apreciación?
-Como non ía a ser sucia, desde o momento en que nos salpican os espionaxes de Madrid e que o PP escolle como slogan o do 009 que acabou converténdose nun pequeno Torrente. E inda por encima teñen que dimitir os ministros socialistas. Eles son os que teñen que dar explicacións porque están cheos de corrupción ata o pescozo.