O portavoz nacional do BNG lembra en Ourense que os nacionalistas sempre cuestionaron o sistema económico que defendía que «o privado é bo por definición»
02 dic 2008 . Actualizado a las 02:00 h.O panorama internacional está alporizado pola crise económica e na comunidade autónoma ese andacio que está magoando aos cidadáns con problemas que van surxindo no día a día, e afectando cada vez a sectores máis amplos da poboación galega, mestúrase co ruxeruxe das eleccións autonómicas: marzo é o mes e as quinielas non paran para ventar a data exacta. E metidos nese proceso de conta atrás para as autonómicas, que o vicepresidente da Xunta albisca como unha data para resolver a incógnita e as especulacións que hai meses que levan percorrendo o país, que mellor que falar de economía para lanzar a mensaxe nidia do BNG nese apartado e, xa postos e a un tempo, ir quentando a precampaña das próximas autonómicas.
Con esa premisa e cunha convocatoria que vencellaba con rotundidade autogoberno e melloras económicas, Quintana presidía onte unha xuntanza dos nacionalistas no auditorio.
Contra a «economía de casino»
Unha cita, a do auditorio, que amosou ben ás claras o cambio de esceario do nacionalismo galego: un recinto cheo cunha coidada posta en escea, con militantes arroupando aos oradores e tradutora da linguaxe de xestos, e un público no que se mesturaban os vellos e veteranos militantes, cos dirixentes de organismos empresariais, deportivos e sociais.
No acto do auditorio Quintana lembrou que estamos a vivir nunha situación de grave preocupación na que «os cidadáns deitanse coa preocupación de saber se o próximo día van conservar o seu posto de traballo, ou se desvelan por saber se van poder pagar a hipoteca ou porque cren que poden perder a súa prestación social». O portavoz nacional do BNG tamén se referiu aos pequenos empresarios «que arriscaron para investir na súa empresa para crear traballo e benestar para a súa familia» e rexeitou a economía especulativa «esa economía de casino que nos levou a onde estamos agora».
«Pailáns» e venda de Audasa
Para Anxo Quintana os gobernos democráticos «están para servir ás maiorías sociais, non aos especuladores, e nós podemos facelo, ademáis de contar coa forza moral que nos dá aos do BNG lembrar que nós nunca apoiamos isto e sempre defendimos unha economía con raíces e á medida dos cidadáns».
Tempos aqueles nos que as cousas non viñan de cara «e por defender este tipo de economía nos chamaban pailáns e nos dicían que non tiñamos nin idea porque non estudiaramos economía e que, precisamente, a grande economía movíase a outros niveis. Mais a nosa análise sigue vixente e non temades porque Galiza é un país con recursos e con material humano máis que suficiente para sair desta crise. Imos sair adiante porque sabemos o que debemos facer».
Quintana apostou por primar o público e superar o tópico de que «o privado é bo por definición» e amosou a súa indignación «polo feito de que un banco que hai dúas semanas estaba en crise e foi reflotado con diñeiro público agora merque a Autopista do Atlántico, co que iso supón de perda de soberanía e capacidade de decisión para Galiza». Nesa liña enmarcou o portavoz nacional a compra de accións de Unión Fenosa por Gas Natural e como estas decisións son moi perxudiciais para unha provincia como Ourense, «que produce enerxía con elevados custes medioambientais» sin recibir a cambio os beneficios que merece. Para Quintana, que defendeu de novo a necesidade dun Instituto Galego de Crédito Oficial, «é o momento de mandar parar».