Antes de traballar na unidade de infecciosos do hospital Santa María Nai, Raúl Rodríguez foi médico no vello cárcere da rúa Progreso. Onte volveu a tratar con persoas presas. Foi no penal de Pereiro e para falarlles de VIH, hepatite C e as armas terapéuticas para vencelas.
-¿Que lles interesa aos reclusos destas infeccións?
-Coñecer novas perspectivas de tratamento e posibilidades de futuro. Os que amosaron máis interese foron os que teñen as dúas. Temos datos da experiencia entre o ano 2002 ata maio do 2008, nesa etapa tratáronse 84 pacientes de hepatite C e o 15% tiñan, a maiores, VIH. Existe unha gran preocupación porque moitos presos poden tentar completar o tratamento e curala.
-¿A cadea como solución?
-Na prisión hai xente que se dedica ao fomento da saúde, hai grupos de autoapoio... A prisión pode ser unha oportunidade para curarse para moitas persoas que nunca intentaron ou non puideron facer o tratamento ou tiñan adiccións que interferían no cumprimento dese tratamento. Unha vez que non lles queda máis remedio que estar alí, poden aproveitar o medio penitenciario, onde teñen unha vida regulada, para acceder aos tratamentos que sempre lles aconsellaron e non puideron seguir. Para a hepatite C hai que seguir controis analíticos moi exhaustivos e na prisión hai a disponibilidade dun servizo médico e de apoio.
-¿Puido darlles boas novas en conta a tratamentos?
-Si, porque faleilles de novos tratamentos en hepatite C; en catro ou cinco anos vai haber algún novo medicamento, que xa está nunha fase moi avanzada de investigación, para engadir aos que hai hoxe, incluso para os que non obedecen ao tratamento actual.
-¿Como é a experiencia dun médico nunha prisión?
-No meu caso, salvo rarísimas excepcións, véxolle á miña experiencia moitas cousas positivas na relación médico paciente, tes o sentimento de que podes axudar a moita xente: O negativo é que, ás veces, vente coma un funcionario e coma un represor, como unha persoa que forma parte do sistema. O máis positivo sería que te viran como médico, independientemente de que esteas detrás dunhas reixas.
-¿Cal e a situación do VIH e da sida na nosa provincia?
-Por temas de VIH, algúns infectados e outros ca enfermidade, temos en consulta entre 250 e 300 pacientes, practicamente todos en fase de enfermidade crónica e estable. O gran problema é o VIH máis hepatite C porque a primeira causa de morte en pacientes VIH son as enfermidades do fígado. O 90% dos que teñen VIH tamén teñen hepatite C; ao revés a incidencia é menor.