A chamada dunha profesión

OURENSE

Antonio Peiteado Iglesias comparte o seu salón de perruquería, oficio no que leva 52 anos, cos seus fillos José Antonio, Javier e Roberto Peiteado

23 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Antonio Peiteado mira aos seus tres fillos sentados no sofá da perruquería, fronte a el, e sentencia: «Hai tempo que comezo a crer que hai algo nos xenes para explicar isto», que tres dos seus catro fillos decidiran seguir os seus pasos no terreo profesional. Aínda que ao mellor a explicación está máis preto, xa que non hai nada máis acaido que apelidarse Peiteado e ser perruqueiro.

Así, e como quen non quere a cousa, Antonio Peiteado suma máis anos de oficio que os que teñen de vida os se pretenden prexubilar na Telefónica: «Cantos anos levo na profesión? Buff, fai contas: empecei con 11 anos e teño 63. Xa me dirás!». Total, que xa pasaron 52 anos dende que aquel rapaz de Lalín empezou a coñecer o oficio traballando como aprendiz en Silleda.

Dende 1981 en Viacambre

Cambiaron radicalmente os tempos dende entón ata hoxe: «Daquela aprendías un oficio e logo, cando xa pasaban anos e estabas formado, independizabaste e poñíaste pola túa conta. Agora a xente está máis formada, iso non o discuto, pero eu boto en falta aquilo de ter esa aprendizaxe da man dos que xa están curtidos no oficio. E digoo neste como podo dicir en moitos outros».

Antonio Peiteado Iglesias diu moitas voltas e traballou con moitos profesionais do sector, primeiro na súa terra e logo xa en Ourense cando se trasladan para aquí os seus pais. En 1981 abre o seu salón nas Galerías Viacambre «e aquí acabaron viñendo todos. O maior non quixo seguir cos estudios de FP de Electricidade e Electrónica e veu aprender o oficio conmigo. E co paso dos anos, creo que por envexa do maior, apareceu Javier, que xa se formou no Santo Cristo, e Roberto, que xa viña como técnico de Perruquería e Estética tras pasar polo IES 12 de Outubro».

O xefe do clan dos Peiteado asegura que o oficio e a perruquería «vaite levando e logo xa non das parado. É unha profesión moi complicada, cada vez máis, e hoxendía hai que estar continuamente viaxando para ver como van as tendencias e formándote porque cada vez se demandan máis servizos, dende depilación a tratamento de pel e moitas outras cousas».

Bágoas e orgullo

José Antonio, o maior dos irmáns que traballan no negocio familiar (leva 27 anos no mesmo), recoñece que «viñen para aquí porque isto sempre me gustou, máis que o que estaba estudando. Iso si, antes de deixarme entrar cantoume as coarenta porque non quería que nós seguísemos con isto e prefería que fixeramos outra cousa». O pai apunta que «fartouse de chorar e tivo que espabilar, pero aprendeu de contado».

No caso de Javier este xa se deixaba caer polo negocio con 10 anos, cando andaba en 5º de EXB «viña de pinche a axudar e a barrer. Porque che gusta e tamén polas propinas que daban, todo hai que dicilo. É unha profesión que ten algo especial e que te engancha, non é o mesmo que vender un producto que xa chega feito ao comercio: aquí tes que confecionalo e crealo ti, e cada persoa e un mundo e ten gustos diferentes. Non hai un patrón, e iso é todo un reto». Coa tradición e o oficio metido de cheo na familia, Roberto Peiteado xa prometía e con 7 anos deixábase caer polo negocio «fixen o primeiro afeitado aos 9» -o seu irmán Javier matiza que foi un autoafeitado, non que afeitase a un cliente-. O menor dos irmáns ten claro que «este é un oficio que te engancha, se non che gusta marchas».

Antonio Peiteado asegura cheo de satisfacción que existe unha boa harmonía na perruquería e que os seus fillos son uns grandes profesionais cos que se sinte orgulloso de traballar porque con tantos anos de convivencia o entendemento é perfecto. Os seus fillos non sinten unha especial presión por traballar con seu pai, que cando fai falta «pon as cousas no seu sitio», sinala Javier, a quen ben como todo un mestre.