«María a mosca» volta á vila

OURENSE

Teatro do Vilar repón esta noite a montaxe que estreaba en 1996 na Casa da Cultura de Ribadavia e faino co mesmo director e coa maior parte das actrices de hai 12 anos

18 jul 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

María a mosca é unha rapaza de pobo que marcha para Vigo tentando conseguir diñeiro fácil para pagar a súa casa no pobo. Na cidade namórase e acontécenlle mil e unha historias xunto ás súas compañeiras de oficio...o que remata levándoa a un tráxico final.

Reflexionando sobre as liñas anteriores calquera lector poderá adiviñar matices de historias comúns de todos coñecidas, e máis nunha comarca como a do Ribeiro, que tivo de sempre a mirada posta na cidade máis importante de Galicia como meca de peregrinación onde buscar unha saída laboral, profesional e persoal. Mais o primeiro párrafo é tan irreal como probable; ou sexa, un extraordinario argumento teatral emparentado con montaxes tan celebradas por levar a realidade social a esa caixa de resoancia que é un escenario. E Ribadavia é, por definición, o grande escenario de Galicia.

Fidelidade e renovación

Con María a mosca chegaba a compañía Teatro do Vilar á Casa da Cultura de Ribadavia en 1996. Naquela estrea as actrices principais eran Beatriz Cendón, Elvira García, Merchi Rodríguez, Manolita Estévez e Rosa Andrade, correndo a cargo de Rubén García a dirección da montaxe. Co paso dos anos a compañía de teatro afeccionado da vila tense convertido nun dos grupos máis activos da provincia, con 15 anos de experiencia ás súas costas e con propostas cada vez máis elaboradas e atractivas.

E hoxe, no 2008, como entón, no xa lonxano 1996 -ou sexa, no pasado século-, a compañía Teatro do Vilar volve a ser a protagonista da actualidade cultural do Ribeiro e faino, como daquela, con María a mosca. Os cambios son mínimos: o auditorio do Castelo de Ribadavia será o esceario e haberá algúns relevos no elenco de actores. A dirección de esta versión renovada de María a mosca que serve de prolegómeno á MIT 2008 tamén é de Rubén García, que tivo de axudante de dirección a Edmundo Araújo, e na mesma participan como actores Juan Carlos Fernández (Pichuli), Manolita Estévez (Dorita), Elvira García (Mareos), Beatriz Cendón (María), Esther Pumar (Mely), María García (Dona Lola) e Víctor J. Corral (Paco). Este último tamén participaba, xunto a Aurelio Touza, na estrea de 1996.

No auditorio do Castelo

Con 12 anos máis de experiencia e sabedoría Teatro do Vilar volta esta noite -23:00 horas- coa historia de María a mosca. A Mostra xa está ás portas.