Paixón pola política local

Argimiro Marnotes Fernández colleu, contra a vontade do que foi alcalde do Carballiño de 1977 a 1991, o relevo do seu pai no traballo municipal


Nin pola cabeza se lle pasaba a Argimiro Marnotes cando entraba no Concello do Carballiño como concelleiro alá por 1972, naquilo que se chamaba «tercio sindical», que a política se convertiría na súa paixón e na súa vida. Aquel ex emigrante arxentino retornado e convertido en pequeno empresario do metal mudou en todo un animal político e botou 27 anos na corporación do Carballiño: en 1977 accedía ao cargo de alcalde «había xente máis preparada ca min na corporación para coller o relevo cando se foi Javier Perea, pero tiveron medo e non quixeron facerse cargo da alcaldía» e dende as eleccións municipais de 1979 foi ensarillando victorias, permañecendo ata 1991 de alcalde. Logo seguiu de concelleiro ata 1999, primeiro no grupo de goberno e despois, dende 1995, na oposición.

Marnotes é, por definición, un político nato. Dotado cunha memoria prodixiosa -wikipedia made in Santa Uxía de Lobás, parroquia do Carballiño- lembra con particular querencia os tempos «nos que a xente era máis nobre na política e tiña un sentido de servizo e de compañeirismo ¡cantas veces non tiven que levar eu a un concelleiro da oposición á casa despois dos plenos, e de tomarlle unha taza toda a corporación, porque non tiña coche e vivía nunha parroquia a varios quilómetros!» e os proxectos que foi desenvolvendo, así como as liortas veciñais que lle montaron. Empeza e non para: pasa das melloras no rural, abandoado naquela altura, ás revoltas pola auga ou polos ruidos, e de lembrar que os do BNG «daquela AN-PG» lle chamaban despectivamente «ferreiro. E eu, para cabrealos, dicíalles: E mal ferreiro» a sentenciar que «nun concello sempre quedan cousas por facer».

Dende a experiencia e os anos de traballo deixa esbarar o veterano político algunha reflexión aceda: «coa vista atrás creo que lle debería pedir disculpas á familia, porque lle dediquei demasiado tempo á política».

«Non te metas»

Quizás esa conclusión estaba detrás do consello que lle diu ao único dos seus fillos que entrou en política: Argimiro Marnotes Fernández. El asegura que non llo aconsellou -«se se meteu foi porque quixo»-, cuestión que corrixe o seu fillo: «Máis ben dixéchesme que non. Cando che dixen que me propuxeran ir na candidatura do PP o consello que me diches foi: Non te metas».

Marnotes Fernández recoñece que se foi enganchando á política no día a día «na casa non se falaba diso, máis cando eu era neno Aurita -a actual portavoz do BNG na corporación do Carballiño- preguntoume '¿e ti de maior que queres ser?' e contesteille: Alcalde. Agora, para meterme con ela, sempre lle digo: Ti xa sabes que eu, dende pequeno, quero ser alcalde». Curtiuse pegando carteis de UCD e de CG cando seu pai era candidato e, xa adolescente, mantendo disputas e aconsellando ao seu pai. Dende 2003 é concelleiro do PP no Carballiño. A súa máxima aspiración pasa por volver a situar o apelido Marnotes na relación de alcaldes do pobo «e que a normalidade política e democrática volva á vila, logo de tantos anos de crispación, como nos tempos de meu pai». O pai recoñece que «O Carballiño sempre foi un pobo de centro-dereita e, se o PP sigue confiando nel, pode chegar a conseguilo».

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

Paixón pola política local