O rexidor municipal quere evitar a paralización da actividade da construción e apunta a posibilidade de adiantar e anticipar obra pública para compensar a crise
25 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Cos atrancos propios da estrea e os primeiros pasos, complicados pola necesidade de non tropezar e mancarse cos socios de goberno, o primeiro ano de mandato de Francisco Rodríguez como alcalde ía relativamente tranquilo, con sobresaltos asumibles, ata que un par de resolucións xudiciais puxeron todo patas arriba. Especialmente trascendente é a que suspende o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Superado o descontrol inicial, o rexedor pide agora calma e consenso para saír adiante sen que as feridas sexan graves ou fondas.
-Ten xa unha resposta para saír desta crise?
-É un problema moi serio, vémolo con moita preocupación, sobre todo porque se puido ter evitado. Alguén terá que explicalo. A min, dende logo, non me vai tremer o pulso á hora de restablecer a legalidade urbanística. Non imos permitir que se paralice a construción, pero as cousas hai que facelas doutro xeito. Estamos traballando cos técnicos para buscar saídas, pero contando con que este PXOM está morto e que só nos resta saber a data oficial da defunción.
-Cos recursos ao Supremo vaise ganando tempo...
-Pero tampouco nos resolverán a situación a longo prazo. En contra do que di o PP, é falso que o plan caera por defectos de forma, que tamén. Eu estou seguro de que aínda se van atopar moitas ilegalidades. Ten que haber un novo plan xeral, e ten que ser coherente, xusto e consensuado, facelo no menor tempo e coa participación dos axentes sociais. Querémolo así. Contamos ademais con todo o apoio do presidente da Xunta.
-Nunha etapa de crise, ademais, un parón pronunciado da actividade nun sector clave en Ourense como é a construción pode facer moito dano á economía local.
-O noso primeiro obxectivo é evitar que a inversión pública se vexa paralizada. Non podemos permitir que se paren actuacións importantes que xa están en marcha. O que si temos claro é que esta situación posiblemente nos obrigue a cambiar algunhas cousas e teremos que dar un paso adiante para adiantar actuacións, se é preciso, con fin de compensar e equilibrar. Se hai que facer un esforzo engadido no casco vello, ou nos barrios, faise. Ten que haber a que agarrarse, non podemos parar.
-Cando valorou a sentenza deixou asomar un punto de decepción coas forzas vivas de Ourense en xeral, e cos seus socios nacionalistas en particular, por non ter aceptado a proposta de empezar a traballar nun novo plan dende a formación do novo goberno local.
-O plan de urbanismo está mal feito, é malo, ten auténticas barbaridades. Retirar o recurso do PSOE non resolvía nada, posto que había outros ben argumentados, como se ve. Teño que dicir que a situación do PXOM e o noso recurso xerou unha crise importante, que puxo en perigo o pacto de goberno.
-O feito de que na primeira comparecencia, cando anunciou o fallo da sentenza, non dixera que ían recurrir, que aínda tiñan que estudiar o asunto, parecía un síntoma de que lles sorprendera, como se non agardaran a resolución...
-É certo. Non contabamos con ela naquel momento. Tiñamos deseñada unha folla de ruta, sabendo que podía ocurrir, como cando un está moi enfermo, sabe que pode morrer, pero agarda. Non o esperabamos tan pronto. De feito, estivemos traballando en modificacións de plan, por exemplo para accións empresarias en Seixalbo, Santa Mariña e a zona da universidade.
-Levan xa un tempo con sutilezas e insinuacións, que se responsabilidades penais, que se non queren xudicializar, que se o fiscal. Por qué non van e denuncian directamente?
-Nós estamos para gobernar e para dirimir cuestións políticas. Quen ten responsabilidades na administración xudicial é quen ten que determinar se hai ago sospeitoso, que mereza da súa intervención. E se él interpreta que non o hai, paréceme moi respetable. A min no se me pasou pola cabeza ir ao xulgado, ou ver ao fiscal, o que me preocupa é acadar fórmulas legais para seguir avanzando, sen que haxa frenazo de actividade, nun momento de recesión.
-De quen é a culpa da anulación do PXOM, dos técnicos ou dos políticos?
-Sempre é dos político. O técnico ten que adaptarse.
-Xa, pero que falte un informe de telecomunicacións non parece moi político, non?
-De acordo, seguramente non se detectou o fallo, pero foi polas présas dos políticos. Quixeron facer as cousas tan rápido, tiñan tantos compromisos, que se perderon. Eu aínda estou agardando unha explicación do PP, escoitar aos autores materiais e intelectuais do plan, se son conscientes do lío no que nos meteron pola súa tozudez de aprobar un PXOM antes das eleccións.